Os proteoglicanos (antes chamados mucoproteínas) son glicoproteínas presentes no tecido conectivo,[1] que están moi glicosiladas, debido a que ao núcleo formado pola proteína están unidas covalentemente unha ou máis cadeas de glicosaminoglicanos (GAG), que poden chegar a cen.[2] O punto de unión máis común entre ambos os compoñentes é un residuo de serina da proteína, ao cal, se une o glicosaminoglicano. No caso do condroitín sulfato, este únese á cadea lateral da serina (enlace por O) por medio dunha ponte tetrasacárida, é dicir, a serina estaría unida a unha cadea de catro azucres e estes ao resto do glicosaminoglicano. Un esquema sería: PROTEÍNA-xilosa-galactosa-galactosa-ácido glicurónico-CONDROITÍN SULFATO. O residuo de serina encóntrase xeralmente formando parte da secuencia -serina-glicina-X-glicina- (onde X pode ser calquera residuo de aminoácido), aínda que non todas as proteínas con esta secuencia teñen un glicosaminoglicano unido. Apártanse deste esquema algúns glicosaminoglicanos como o queratán sulfato, que se une á proteína por un residuo de asparaxina (unión por N) ou noutros casos por un residuo de treonina ou serina (unión por O) [3]. En realidade, case todos os glicosaminoglicanos están unidos a proteínas formando proteoglicanos (unha excepción importante é o ácido hialurónico, que pode aparecer só ou formando grandes agregados). As cadeas son longas, e os polímeros liñais destes carbohidratos están cargados negativamente en condicións fisiolóxicas, debido á presenza de sulfato e ácido urónico. Un proteoglicano pode conter cadeas de distintos glicosaminoglicanos.
Os proteoglicanos son moi diferentes das glicoproteínas típicas, porque estas últimas son xeralmente menores e teñen unha proporción de carbohidrato entre o 1 e o 60% do peso, forman cadeas curtas ramificadas e adoitan conter ácido siálico, pero os proteoglicanos normalmente son maiores, teñen entre un 90 e 95% do peso de carbohidrato, formando cadeas non ramificadas nas que son máis raros os ácidos siálicos.[4]
© MMXXIII Rich X Search. We shall prevail. All rights reserved. Rich X Search