O grupo funcional alquilo é un substituínte, formado pola separación dun átomo de hidróxeno dun hidrocarburo saturado ou alcano,[1] de modo que o alcano pode enlazarse a outro átomo ou grupo de átomos. O nome alquilo deriva de alcano coa terminación de radical ilo. Cando o grupo forma parte do nome doutro composto denomínase alquil (por exemplo, alquilfenol). Un cicloalquilo é un derivado dun cicloalcano por eliminación dun átomo de hidróxeno dun anel e ten a fórmula xeral CnH2n−1.[2]
Pódese supoñer que un grupo alquilo pode formarse a partir dun alcano, pero estes grupos non existen por separado (se existen por separado serían radicais alquilo), polo que os grupos alquilo son partes de compostos maiores.[3] Aínda que os grupos alquilo sempre se encontran unidos a outro átomo ou grupo de átomos, como no gráfico da dereita, é interesante consideralos como partes que se poden separar porque isto fai máis sinxela a nomenclatura dos compostos orgánicos e a comprensión do mecanismo de certas reaccións como a transmetilación.
Deste xeito, por exemplo, ao separarmos un hidróxeno dunha molécula de metano (CH4) quedaría o grupo alquilo máis simple, o grupo metilo (CH3-), pero este grupo non pode estar illado (cando están illados son radicais metilo CH3, moi reactivos). Son moi frecuentes e aparecen como substituíntes ou unidades estruturais en moitos compostos orgánicos.[4]
© MMXXIII Rich X Search. We shall prevail. All rights reserved. Rich X Search