Anarquismo

A de anarquía, un dos símbolos anarquistas máis famosos.

O anarquismo é unha ideoloxía política, corrente filosófica e movemento social radical que chama á oposición e abolición de toda autoridade, xerarquía e forma de control social por consideralas non desexables, innecesarias e nocivas.[1] Os tipos de autoridade rexeitados inclúen os de tipo político (o Estado), económico (o capitalismo), relixioso (a Igrexa), cultural (o patriarcado), industrial (o especismo) ou calquera outra forma de opresión e explotación. Do mesmo xeito, o anarquismo pretende abolir todo tipo de tratados ou normas impostas (é dicir, aquelas que sexan establecidas por imposición e sen a aprobación, mediante consenso, de todas as persoas), así coma as súas principais ferramentas de coerción e violencia, para conseguir acabar cos diversos tipos de dominación do ser humano polos seus conxéneres.

A intención é desenvolver e conseguir a anarquía, que recoñece a plena liberdade e autonomía dos individuos, configurando sociedades a escala humana ou, máis exactamente, en comunidades, baseadas no modelo libertario de comuna autónoma. Os fundamentos desta son a asociación voluntaria, a horizontalidade, a iniciativa individual e o apoio mutuo ou solidariedade recíproca. Existen varios métodos propostos polas diversas escolas e tendencias xurdidas no movemento anarquista para a consecución destes fins, sempre a través de medios concordantes con eles como son os conceptos da autoxestión, a acción directa e de base.

Con movementos precursores dende a antigüidade, o anarquismo desenvólvese no século XIX a través de diversas tendencias. Ao longo do século XX tiveron lugar algunhas das experiencias libertarias máis significativas. Dende entón converteuse nun movemento presente de forma continua en múltiplos temas contemporáneos.

O anarquismo segundo Ricardo Mella. Discurso no Círculo Federal de Vigo
  1. O Dicionario da Real Academia Galega Arquivado 21 de xaneiro de 2012 en Wayback Machine., por exemplo, define anarquismo coma a "doutrina política que propugna unha sociedade sen estado nin institucións que priven ó individuo da súa liberdade".

© MMXXIII Rich X Search. We shall prevail. All rights reserved. Rich X Search