Batalla de Hastings

Coordenadas: 50°54′43″N 0°29′15″L / 50.91194, -0.48750

Batalla de Hastings
Parte de Conquista normanda de Inglaterra

Harold Rex Interfectus Est: "O rei Haroldo morreu". Escena do Tapiz de Bayeux representando a Batalla de Hastings e a morte de Harold.
Data 14 de outubro de 1066
Lugar Battle, preto de Hastings, East Sussex, Inglaterra Inglaterra
Resultado Vitoria decisiva normanda
Belixerantes
Normandos Ingleses
Líderes
Guillerme o conquistador
Alan Rufus
Guillerme FitzOsbern
Eustaquio II
Harold Godwinson 
Gyrth Godwinson 
Leofwine Godwinson 
Forzas en combate
Descoñecido, estimacións dende 7 000 ata 12 000 Descoñecido, estimacións dende 5 000 ata 13 000

A batalla de Hastings tivo lugar o 14 de outubro de 1066 entre o exército normando do duque Guillerme II de Normandía e un exército inglés baixo o rei anglosaxón Haroldo Godwinson, dando comezo á conquista normanda de Inglaterra. Tivo lugar a uns 11 km ó noroeste de Hastings, preto da vila actual de Battle, East Sussex, e resultou nunha vitoria decisiva para os normandos.

A morte do rei Eduardo o Confesor en xaneiro de 1066, quen non tivo fillos, deu lugar a unha loita sucesoria entre varios aspirantes ó seu trono. Haroldo foi coroado rei pouco despois da morte de Eduardo, pero tivo que combater as invasións de Guillerme, do seu propio irmán Tostig e do rei noruegués Haraldo Hardrada. Hardrada e Tostig derrotaron a un exército inglés reunido de forma apresurada na batalla de Fulford o 20 de setembro de 1066, pero foron derrotados por Haroldo na batalla de Stamford Bridge cinco días despois. As mortes de Tostig e Hardrada nesta batalla deixaron a Guillerme coma o único opoñente de Haroldo. Mentres este e as súas forzas estaban a recuperarse da batalla de Stamford Bridge, Guillerme desembarcou a súa forza de invasión no sur de Inglaterra en Pevensey o 28 de setembro de 1066, e estableceu unha cabeza de praia para a súa conquista. Haroldo viuse obrigado a marchar rapidamente cara ó sur, reunindo o seu exército sobre a marcha.

Descoñécese o número exacto das forzas presentes na batalla. As estimacións modernas indican cifras de ó redor de 10 000 soldados de Guillerme e uns 7 000 de Haroldo. O exército inglés estaba composto na súa maioría de infantaría e tiña poucos arqueiros, mentres que só a metade a forza de invasión era infantaría, co resto dividido en partes iguais entre cabalaría e arqueiros. Haroldo tentou sorprender a Guillerme, pero os exploradores deste atoparon o exército de Haroldo e informaron da súa chegada a Guillerme, que marchou dende Hastings ata o campo de batalla para enfrontarse a Haroldo. A batalla durou dende as 9 am ata o anoitecer. Os primeiros esforzos dos invasores para rachar as liñas inglesas foron pouco efectivos. Os normandos pasaron entón a adoptar unha táctica que consistiu en simular unha fuxida por mor do pánico para posteriormente volver loitar cos seus perseguidores. A morte de Haroldo cara ó final da batalla deu lugar á retirada e derrota da maior parte do seu exército. Tras unha marcha posterior e unhas pequenas escaramuzas, Guillerme foi coroado rei o día de Nadal de 1066.

A resistencia e rebelións ó reinado de Guillerme seguiron tras esta batalla, pero Hastings marcou a culminación da conquista de Inglaterra por parte de Guillerme. O número de baixas non se coñece con exactitude, pero segundo algúns historiadores as estimacións indican que morreron 2 000 invasores xunto cuns 4 000 ingleses. Guillerme fundou un mosteiro no lugar da batalla, e o altar maior da igrexa da abadía está presuntamente localizado no lugar no que morreu Haroldo.


© MMXXIII Rich X Search. We shall prevail. All rights reserved. Rich X Search