Colmea

Marcos móbiles dunha colmea
Cortizos tradicionais no Monte Pindo, Galicia.
Trobo tradicional con colmado, no museo do Castelo de Sobroso, Galicia.

A colmea, que tamén recibe os nomes de cortiza, cortizo, covo e trobo, é o niño dunha colonia de abellas. As colonias de abellas son organizacións sociais complexas e xerárquicas que poden chegar a conter ata 80.000 individuos. Están integradas por tres castes distintas de abellas: as obreiras, os abázcaros e a abella mestra. As abellas que se ven comunmente son as obreiras, que tamén constitúen a parte máis numerosa da colonia.

As abellas forman as súas colonias de xeito moi diferente de como o fan outros insectos sociais, como as formigas. Cando unha nova abella mestra nace divídese a colonia. Para constituír un novo grupo, a abella mestra de máis idade abandona a colmea, leva canda ela un crecido número de obreiras e deixa a mestra máis nova a cargo do que resta da colonia orixinal. Este proceso natural de formación dunha nova colonia chámase enxamia e o grupo de abellas coa súa nova mestra chámase enxame. Existen diferentes métodos artificiais de creación de novas colonias que aproveitan esta tendencia natural das abellas a permanecer coa súa mestra[1].

  1. Layens, G. De; Bonner, G. Curso completo de apicultura (cultivo de las abejas). El colmenero español. Barcelona, 1904. Ed. facsímile Ed. Maxtor. Valladolid, 2008.

© MMXXIII Rich X Search. We shall prevail. All rights reserved. Rich X Search