Cooperativa

Cooperativa de Lago (Valdoviño).

Unha cooperativa é unha asociación voluntaria de traballo cooperativo, por medio da cal un grupo de persoas pode obter bens de consumo en condicións máis vantaxosas que pola comercialización común.

Xa en 1887 existía o precedente galego das cooperativas nas sociedades de mariñeiros, e en 1907 creáronse as sociedades agrarias como organizacións portadoras dos valores solidarios e de axuda mutua. En 1915 os pósitos de pescadores funcionaban como auténticas cooperativas en múltiples aspectos: produción, comercialización, seguridade social e mesmo actividades formativas.

O pensador, xurista, sociólogo e economista Xoaquín Díaz de Rábago (1837-1898) que presidirá a Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago de Compostela ou a primeira sucursal do Banco de España e que será Delegado Rexio da Escola de Artes e Oficios foi un dos impulsores deste movemento en Galiza.

No comezo do século XXI hai en Galiza máis de mil cooperativas, sendo Vigo e a súa bisbarra a cidade onde se atopan máis. Entre os diferentes tipos de cooperativas destacan polo seu número as de traballo asociado e as agrarias.

As Nacións Unidas declararon o ano 2012 como o Ano Internacional das Cooperativas.[1]. E o primeiro sábado de xullo celébrase o Día Internacional das Cooperativas [2].

  1. "International Year of Cooperatives - 2012". www.un.org (en inglés). Consultado o 2019-04-25. 
  2. "Día Internacional de las Cooperativas. 2 de julio" (en castelán). 

© MMXXIII Rich X Search. We shall prevail. All rights reserved. Rich X Search