Flor

Rosa en Galiza.
Partes.

A flor (Gl-flor.ogg pronunciación ) (tamén chor en uso literario[1]) é a estrutura reprodutiva característica das plantas chamadas espermatófitas ou fanerógamas. A función dunha flor é producir sementes a través da reprodución sexual. Para as plantas, as sementes son a próxima xeración e serven como o principal medio a través do cal as especies se perpetúan e propáganse esparexendose ó longo da paisaxe.

Todas as espermatofitas posúen flores que producirán sementes, pero a organización interna da flor é moi diferente nos dous principais grupos de espermatofitas: as ximnospermas viventes e as anxiospermas. As ximnospermas poden posuír flores que se reúnen en estróbilos, ou ben a mesma flor pode ser un estróbilo de follas fértiles.[nota 1] En cambio, unha flor típica de anxiosperma está composta por catro tipos de follas estrutural e fisioloxicamente modificadas para producir e protexer os gametos. Tales follas modificadas ou antófilos son os sépalos, pétalos, estames e carpelos.[2] Ademais, nas anxiospermas a flor dá orixe, tras a fertilización e por transformación dalgunhas das súas partes, a un froito que contén as sementes.[3]

O grupo das anxiospermas, con máis de 250.000 especies, é unha liñaxe evolutivamente exitosa que conforma a maior parte da flora terrestre existente. A flor de anxiosperma é o carácter definitorio do grupo e é, probablemente, un factor clave no seu éxito evolutivo. É unha estrutura complexa, cuxo plan organizacional está conservado en case todos os membros do grupo, aínda que presenta unha tremenda diversidade na morfoloxía e fisioloxía de todas e cada unha das pezas que a compoñen. A base xenética e adaptativa de tal diversidade está a comezar a comprenderse en profundidade,[4] así como tamén a súa orixe, que data do cretáceo inferior, e a súa posterior evolución en estreita interrelación cos animais que se encargan de transportar os gametos.

Con independencia dos aspectos sinalados, a flor é un obxecto importante para os seres humanos. A través da historia e das diferentes culturas, a flor sempre tivo un lugar nas sociedades humanas, xa sexa pola súa beleza intrínseca ou polo seu simbolismo. De feito, cultivamos especies para que nos provean flores desde hai máis de 5000 anos e, actualmente, esa arte transformouse nunha industria en continua expansión: a floricultura.

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para chor.
  2. University of Hamburg. Department of Biology. Botany on line.Flower Morphology of Plants. Consultado o 6 de decembro do 2020;
  3. Font Quer, P. (1982). Diccionario de Botánica. 8ª reimpresión. Barcelona: Editorial Labor, S. A. ISBN 84-335-5804-8. 
  4. Damerval, C.; Nadot, S. 2007. Evolution of Perianth and Stamen Characteristics with Respect to Floral Symmetry in Ranunculales. Ann. Bot. 100: 631-640.


Erro no código da cita: As etiquetas <ref> existen para un grupo chamado "nota", pero non se atopou a etiqueta <references group="nota"/> correspondente


© MMXXIII Rich X Search. We shall prevail. All rights reserved. Rich X Search