Hipoxia (medicina)

Hypoxia
Clasificación e recursos externos
Cianose da man nunha persoa con baixa saturación de oxíxeno
ICD-10J96
ICD-9799.02
DiseasesDB6623
Aviso médico.
Aviso médico.
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.

A hipoxia é unha condición na cal o corpo ou unha rexión del queda privada dunha subministración suficiente de oxíxeno a nivel dos tecidos. A hipoxia pode clasificarse como xeneralizada, se afecta a todo o corpo, ou local, se afecta só a unha rexión do corpo. Aínda que a hipoxia adoita ser unha condición patolóxica, as variacións nas concentracións de oxíxeno nas arterias poden ser parte da fisioloxía normal; por exemplo, durante o adestramento de hipoventilación[1] ou un exercicio físico extenuante.

A hipoxia é diferente da hipoxemia e anoxemia, xa que a hipoxia é o estado no cal a subministración de oxíxeno é insuficiente nun tecido (ou no corpo), mentres que a hipoxemia e a anoxemia refírense especificamente a estados nos que hai unha subministración de oxíxeno arterial baixa ou cero.[2] Por tanto, hipoxemia refírese a que hai un nivel baixo de oxíxeno no sangue arterial (de aí a terminación emia, de hema=sangue), mentres que hipoxia é un termo máis xeral que significa que hai un contido baixo en oxíxeno en calquera tecido ou órgano ou no corpo enteiro.[3] A hipoxemia pode causar hipoxia (hipoxia hipoxémica), pero a hipoxia pode orixinarse por outros mecanismos tamén, como a anemia.[4] A hipoxia na que hai unha completa deprivación de oxíxeno denomínase anoxia.

A hipoxia xeneralizada dáse en persoas sas cando ascenden a elevadas altitudes sobre o nivel do mar, o que lles causa mal de altura que pode orixinar complicacións letais: edema pulmonar de grande altitude e edema cerebral de grande altitude.[5] A hipoxia en individuos sans tamén se dá cando se respira unha mestura de gases cun baixo contido de oxíxeno, por exemplo cando os mergulladores nadan baixo a auga, especialmente se usan sistemas de circuíto pechado de reciclaxe respiratoria, que controlan a cantidade de oxíxeno no aire subministrado. Utilízase intencionadamente unha hipoxia intermitente suave e non nociva durante os adestramentos en altitude para desenvolver unha adaptación ás prestacións atléticas tanto a nivel celular coma sistémico.[6]

A hipoxia é tamén unha grave consecuencia dun parto prematuro nos neonatos. A principal causa disto é que os pulmóns do feto humano son uns dos últimos órganos que se desenvolven durante o embarazo. Para axudar os pulmóns a distribuír o sangue oxixenado polo corpo, os meniños con risco de hipoxia son a miúdo situados nunha incubadora, onde se lles proporciona oxíxeno por cánulas de alto fluxo cunha presión de aire positiva continua (tamén chamado berce húmido).[7]

  1. Woorons, Xavier, Hypoventilation training, push your limits! Arpeh, 2014, 164p. (ISBN 978-2-9546040-1-5)
  2. West, John B. (1977). Pulmonary Pathophysiology: The Essentials. Williams & Wilkins. p. 22. ISBN 0-683-08936-6. 
  3. Martin, Lawrence (1999). All you really need to know to interpret arterial blood gases (2nd ed.). Philadelphia: Lippincott Williams & Wilkins. p. xxvi. ISBN 978-0683306040.
  4. Robert J. Mason, V. Courtney Broaddus, Thomas R. Martin, Talmadge E. King, Dean E. Schraufnagel, John F. Murray and Jay A. Nadel (eds.) (2010) Murray & Nadel's Textbook of Respiratory Medicine, 5th ed. Philadelphia: Saunders Elsevier. ISBN 1-4160-4710-7.
  5. Cymerman, A; Rock, PB. "Medical Problems in High Mountain Environments. A Handbook for Medical Officers". USARIEM-TN94-2. US Army Research Inst. of Environmental Medicine Thermal and Mountain Medicine Division Technical Report. Arquivado dende o orixinal o 23 de abril de 2009. Consultado o 2009-03-05. 
  6. Gore CJ, Clark SA, Saunders PU (September 2007). "Nonhematological mechanisms of improved sea-level performance after hypoxic exposure". Med Sci Sports Exerc 39 (9): 1600–9. PMID 17805094. doi:10.1249/mss.0b013e3180de49d3. Arquivado dende o orixinal o 17 de maio de 2013. Consultado o 09 de abril de 2017. 
  7. Shoemaker, M. T.; Pierce, M. R.; Yoder, B. A.; Digeronimo, R. J. (2007). "High flow nasal cannula versus nasal CPAP for neonatal respiratory disease: A retrospective study". Journal of Perinatology 27 (2): 85–91. PMID 17262040. doi:10.1038/sj.jp.7211647. 

© MMXXIII Rich X Search. We shall prevail. All rights reserved. Rich X Search