Insectos

A dos insectos (nome científico Insecta Linnaeus, 1758) son unha clase de animais invertebrados, e o grupo máis grande dentro do filo dos artrópodos, caracterizados por presentar un par de antenas, tres pares de patas e dous pares de ás (que, con todo, poden reducirse ou faltar). A ciencia que estuda os insectos denomínase entomoloxía. O seu nome provén do latín insectum, calco do grego ἔντομα, 'cortado no medio'.[1]

Os insectos comprenden o grupo de animais máis diversos da Terra con aproximadamente un millón de especies descritas,[2][3] máis que todos os demais grupos de animais xuntos, e con estimacións de ata trinta millóns de especies non descritas, co que, potencialmente, representarían máis do 90 % das formas de vida do planeta.[4] Outros estudos máis recentes rebaixan a cifra de insectos por descubrir a entre seis e dez millóns de especies.[5][6]

Os insectos pódense encontrar en case todos os ambientes do planeta, aínda que só un pequeno número de especies se adaptou á vida nos océanos. Hai aproximadamente seis mil especies de odonatos[7] (libélulas, cabaliños do demo), 20 000 de ortópteros (saltóns, grilos), 120 000 de lepidópteros (bolboretas e avelaíña), 160 000 de dípteros[8] (moscas, mosquitos), 9800 de dictiópteros (cascudas, térmites, mantis), 5200 piollo, 1900 Pulga, 82 000 de hemípteros (chinches, pulgóns, cigarras), 375 000 de coleópteros (escaravellos, maruxiñas), e 153 000 especies de himenópteros (abellas, avespas, formigas). Con iso e todo a biodiversidade dos insectos diminúe.[9][10]

Os insectos non só presentan unha gran diversidade, senón que tamén son incriblemente abundantes. Algúns formigueiros conteñen máis de vinte millóns de individuos e calcúlase que hai 1015 formigas vivindo sobre a Terra. Na selva amazónica estímase que hai unhas 60 000 especies e 3,2 × 108 individuos por hectárea. Estímase que hai 200 millóns de insectos por cada ser humano.

Algúns pequenos grupos de animais, tales coma os colémbolos, proturos e dipluros, están relacionados cos insectos no subfilo dos hexápodos. Os insectos verdadeiros (os da clase dos Insecta) distínguense do resto dos hexápodos en parte por seren ectognatos (coas pezas bucais dispostas exteriormente). Moitas especies, aínda que non todas, teñen ás na súa fase adulta. Os artrópodos terrestres como os cempés, miriápodos, escorpións e arañas confúndense a miúdo cos insectos debido a que teñen estruturas corporais semellantes, pero non o son.

  1. "Diccionario médico-biológico, histórico y etimológico.". Arquivado dende o orixinal o 18 de xaneiro de 2012. Consultado o 21 de outubro de 2011. 
  2. Chapman, A. D. (2009). Australian Biodiversity Information Services, ed. "Numbers of Living Species in Australia and the World" (2nd edición. ed.). ISBN 9780642568618 (online). Consultado o 5 de febreiro do 2021. 
  3. Zhi-Qiang Zhang (2011). Animal biodiversity: An outline of higher-level classification and survey of taxonomic richness (en inglés). Magnolia Press. p. 8. ISBN 1869778499. Consultado o 5 de febreiro do 2021. 
  4. Erwin, Terry L. (1982). "Tropical forests: their richness in Coleoptera and other arthropod species". Coleopt. Bull. 36: 74–75. 
  5. Erwin, Terry L. (1997). Biodiversity at its utmost: Tropical Forest Beetles. pp. 27–40.  En: Reaka-Kudla, M. L., D. E. Wilson & E. O. Wilson (coordinadores). Biodiversity II. Joseph Henry Press, Washington, D.C. 
  6. Vojtech Novotny, Yves Basset, Scott E. Miller, George D. Weiblen, Birgitta Bremer, Lukas Cizek & Pavel Drozd (2002). "Low host specificity of herbivorous insects in a tropical forest". Nature 416: 841–844. doi:10.1038/416841a. 
  7. Schorr, M., & D. R. Paulson (2018). Slater Museum of Natural History, ed. "World Odonata List". University of Puget Sound. Arquivado dende o orixinal o 05 de outubro de 2021. Consultado o 5 de febreiro do 2021. 
  8. Pape, T., Blagoderov, V., & Mostovski, M. B. (2011). "Order Diptera Linnaeus, 1758. Animal biodiversity: An outline of higher-level classification and survey of taxonomic richness. Zootaxa, 3148(237), 222-229." (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 18 de febreiro de 2021. Consultado o 05 de febreiro de 2021. 
  9. "Worldwide decline of the entomofauna: A review of its drivers". www.sciencedirect.com. Consultado o 5 de febreiro do 2021.. 
  10. Yong, Ed (19 de outubro de 2017). "Insects Are In Serious Trouble". The Atlantic (en inglés). Consultado o 5 de febreiro do 2021.. 

© MMXXIII Rich X Search. We shall prevail. All rights reserved. Rich X Search