Libra esterlina

A libra esterlina (en inglés pound sterling) é a unidade monetaria oficial do Reino Unido. Habitualmente denomínase simplemente libra (pound), e para diferenciala da unidade de peso homónima acordouse usar o cualificativo de sterling, nome que tiña o antigo penique (penny) de prata, xa que os peniques (a 240ª parte dunha libra) eran a unidade monetaria básica e o seu valor equivalía a pouco menos có dunha libra actual.

O símbolo da libra esterlina é £, e o seu código ISO 4217 é GBP. Desde 1971, logo da introdución do sistema decimal, a moeda británica está dividida en 100 novos peniques (en inglés pence, plural de penny), e o seu símbolo é p. Anteriormente a libra estaba dividida en 20 xilins (en inglés shillings; símbolo: s), e cada un destes, á súa vez, dividíase en 12 peniques antigos (símbolo: d). Un penique antigo equivale a 2,4 dos novos.

As moedas dunha libra esterlina de ouro emitidas desde 1817 ata os nosos días reciben o nome de "soberano".[1]

A libra esterlina é unha das moedas con que se realizan máis transaccións comerciais, xunto co dólar dos Estados Unidos de América, o euro, o ien xaponés e o dólar australiano. Segundo datos de xuño do 2005, era a sexta unidade monetaria de valor máis alto no mundo.

  1. "Soberano". En Alfaro Asins, C. et al. (2009). Diccionario de numismática. Ministerio de Cultura. Madrid. ISBN 978-84-8181-405-7

© MMXXIII Rich X Search. We shall prevail. All rights reserved. Rich X Search