Madeira

Para outros significados, consultar o arquipélago de Madeira ou Madeira (homónimos).
Un tronco de madeira

A madeira é un material sólido, orgánico, higroscópico (absorbe auga) e ortotrópico (crecemento diferente nas dimensións espaciais) obtido orixinalmente do tronco das plantas leñosas, especialmente das árbores, mais tamén dos arbustos. Esas plantas perennes caracterízanse polos caules, que crecen en diámetro ano tras ano, e tamén están compostas por celulosa, hemicelulosa e lignina entre os seus tecidos. As plantas que non producen madeira chámanse herbáceas; ese grupo de plantas inclúe todas as plantas anuais, moitas plantas perennes e tamén a maioría das plantas acuáticas.

Como partes da sección transversal dun toro de madeira, ademais do miolo (nervio ou eixo central), temos o cerna, parte da madeira máis dura, densa e de máis calidade como material, e o sámago mol e lixeiro.

Sendo un material naturalmente resistente e relativamente lixeiro, é frecuentemente utilizado para fins estruturais e de sustentación de construcións. Pola súa dispoñibilidade e características, a madeira foi un dos primeiros materiais en ser utilizados pola humanidade, mantendo, a pesar da existencia dos materiais sintéticos, unha inmensidade de usos directos e servindo de materia prima para múltiplos outros produtos. É tamén unha importante fonte de enerxía, sendo utilizada como leña para cociñar e outros usos domésticos nunha parte importante do mundo.

Utilízase para a produción de polpa de celulosa, que se emprega na industria papeleira e nalgunhas industrias químicas nas cales é utilizada como fonte de diversos compostos orgánicos. A súa utilización na ebanistería para a fabricación de mobles é unha das máis expandidas, o mesmo que a súa utilización na carpintaría para construción de diversas estruturas, como navíos. A madeira é un material utilizado na arquitectura e enxeñaría civil. A explotación descontrolada de madeira en forestas naturais é unha das principais causas de deforestación e de perda de hábitat para múltiplas especies, ameazando a biodiversidade da Terra.


© MMXXIII Rich X Search. We shall prevail. All rights reserved. Rich X Search