Nacionalidade

A nacionalidade é unha situación social, cultural e espacial na que inflúen numerosos elementos que definen o escenario político e organizacional dun grupo determinado de persoas. Por ser a nacionalidade un feito social, non pode ser estudado como un concepto illado, e non pode entenderse de xeito unilateral, polo que require ser entrelazada con moitos outros conceptos da materia sociolóxica, de maneira que o tema poida achegarse o máis posible a un concepto palpable.

Nacionalidade significa tamén a pertenza dunha persoa a un ordenamento xurídico concreto. Este vencello do individuo cun Estado concreto xéralle dereitos e deberes recíprocos. Este tipo de nacionalidade (española, portuguesa etc...) mestúrase conceptual e practicamente co concepto de nacionalidade como situación social, e podería perfectamente analizarse por separado ou como unha parte da nacionalidade social, pois as leis son inevitablemente un feito social.

Os feitos sociais non son novos, máis si é novo o suceso de que na actualidade poidamos distinguilos dun xeito máis claro e preciso, pero aínda con dificultade; entón podemos asumir que a nacionalidade e todos os conceptos relacionados con ela, estiveron presentes en calquera organización social, así como en calquera interacción entre grupos sociais durante toda a Historia do home. A situación actual do home, co constante axexo dos efectos da globalización, requiriron de maiores definicións concretas nesta materia, especialmente cando esta interacción mundial require normar o comportamento do home en sociedade a través da lei. Tal é o caso, que numerosos estados e organizacións de estados xeraron leis relacionadas coa nacionalidade, os seus dereitos e os seus deberes.


© MMXXIII Rich X Search. We shall prevail. All rights reserved. Rich X Search