Renacemento italiano

A escola de Atenas de Rafael.

O Renacemento italiano foi a primeira manifestación do Renacemento europeo, un período de grandes cambios e adiantos culturais que comezou en Italia durante o século XIV, e durou ata o século XVI, marcando a transición entre a Idade Media e a Idade Moderna. O termo Renacemento é moderno en realidade, xa que provén do século XIX, de historiadores como Jules Michelet e Jacob Burckhardt. Malia que na orixe do movemento o esforzo intelectual estaba confinado á literatura e o patrocinio formou parte do século XIV, moitos aspectos da cultura e da sociedade italiana seguiron a ser fondamente medievais. O Renacemento non chegou ó seu apoxeo ata finais de século. A palabra renacemento (Rinascimento en italiano) provén do renovado interese na cultura da Antigüidade clásica despois do período que os humanistas cualificaron como os anos escuros. Eses cambios concentráronse na elite, e para a maioría da poboación, a vida cambiou ben pouco con respecto á Idade Media.

O Renacemento italiano comezou na rexión de Toscana, con epicentro na cidade de Florencia.[1] Florencia, unha das diversas cidades estado da península, acadou grande importancia económica concedendo crédito ós monarcas europeos e sentando as bases do capitalismo e a banca.[2] Posteriormente, o Renacemento espallouse e tivo un importante impacto en Roma, que foi ornamentada con algúns edificios no estilo antigo, e despois fortemente reconstruída polos papas do século XVI. O cumio do movemento deuse a fins do século XV, mentres os invasores estranxeiros sumían á rexión no caos. Non obstante, as ideas e ideais do renacemento difundíronse polo resto de Europa, posibilitando o Renacemento nórdico, centrado en Fontainebleau e Anveres, e o Renacemento inglés.

O Renacemento italiano é ben coñecido polos seus logros culturais. Isto inclúe creacións literarias con escritores como Petrarca, Castiglione, e Machiavelli, obras de arte de Michelangelo e Leonardo da Vinci, e grandes obras de arquitectura, coma a catedral metropolitana de Santa María del Fiore en Florencia e a Basílica de San Pedro en Roma.

  1. Burke, P., The European Renaissance: Centre and Peripheries (1998)
  2. Sée, Henri. University of Rennes, ed. "Modern Capitalism Its Origin and Evolution" (PDF). Batoche Books. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 07 de outubro de 2013. Consultado o 29 de agosto de 2013. 

© MMXXIII Rich X Search. We shall prevail. All rights reserved. Rich X Search