Sida

SIDA
Clasificación e recursos externos
O lazo vermello é un símbolo de solidariedade coas persoas portadoras do virus e coas que padecen a SIDA. O Día mundial contra a SIDA celébrase o 1 de decembro.
ICD-10B20B24
ICD-9042-136.3
OMIM609423
MedlinePlus000594
eMedicineemerg/253
MeSHD000163
Aviso médico.
Aviso médico.
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.

A síndrome de inmunodeficiencia adquirida ou SIDA (ás veces sida[1][2]) é a fase final da infección polo virus da inmunodeficiencia humana, polo que o proceso infeccioso completo se chama infección por VIH/SIDA ou VIH/SIDA (en inglés HIV/AIDS). Trátase dunha enfermidade do sistema inmunitario humano causada pola infección polo virus da inmunodeficiencia humana (VIH) na cal o sistema inmunitario perde a capacidade de loitar contra as infeccións.[3] O virus ataca principalmente as células T CD4+ do sistema inmunitario (un tipo de glóbulo branco do sangue que activa e regula o sistema inmunitario). Durante o período inicial da infección, a persoa pode experimentar un breve período de síntomas parecidos aos dunha gripe. Isto vai seguido dun prolongado período sen síntomas. A medida que a enfermidade progresa, esta interfire cada vez máis co funcionamento do sistema inmunitario, facendo que a persoa sexa moito máis susceptible do normal a toda clase de infeccións, incluíndo infeccións oportunistas e tumores que xeralmente non afectan ás persoas con sistemas inmunitarios intactos. Nas fases avanzadas da infección o número de linfocitos T (ou células T) diminúe, e a OMS considera que se chega á fase de SIDA (estadio IV da infección) cando o reconto de linfocitos T CD4+ baixou a menos de 200/µL.

O VIH transmítese principalmente durante as relacións sexuais sen protección (incluído o sexo anal e oral), máis tamén a través do sangue infectado por medio de transfusións de sangue non debidamente controladas, ou por compartir agullas hipodérmicas e xeringas, como tamén de nai a fillo durante o embarazo, parto, ou lactación.[4] Polo tanto, os fluídos corporais con suficiente concentración de virus como para poder contaxiar son o seme, fluído vaxinal, preexaculado, sangue e leite materno. Outros fluídos corporais distintos dos mencionados, como a saliva e as bágoas, non transmiten o VIH.[5] A prevención da infección por VIH faise principalmente por medio da práctica do "sexo seguro" (uso de preservativos) e non compartir xeringas e agullas (hai campañas públicas de entrega de xeringas dun só uso). Actualmente, non existe cura nin vacina para esta enfermidade; porén, existe un tratamento con drogas antirretrovirais, que fai moito máis lento o curso da enfermidade e proporciona unha esperanza de vida case normal. Aínda que o tratamento antirretroviral reduce o risco de morte e outras complicacións desta enfermidade, estes medicamentos son caros e levan asociados diversos efectos secundarios non desexados.

O corpo reacciona contra o virus formando anticorpos, que se poden detectar no soro sanguíneo mediante probas analíticas. As persoas que teñen eses anticorpos dise que son seropositivas ou VIH positivas. En xeral (aínda que hai excepcións), a presenza de anticorpos contra o VIH indica a presenza do VIH, polo que os seropositivos poden contaxiar a outras persoas aínda que non chegasen aínda á fase de SIDA (a cal é só a fase final da infección por VIH). Outras probas detectan o ARN ou certos antíxenos do virus.

As investigacións xenéticas sobre o virus indican que o VIH se orixinou en África central occidental a inicios do século XX.[6] A SIDA foi recoñecida inicialmente polos Centros para o Control e Prevención de Enfermidades (CDC) en 1981 e a súa causa (a infección por VIH) foi identificada pouco despois a inicios desa década.[7] Desde o seu descubrimento, a SIDA leva causado uns 30 millóns de mortos (ata 2009).[8] En 2010, aproximadamente 34 millóns de persoas vivían infectadas polo VIH en todo o mundo.[9] A SIDA considérase unha pandemia.[10]

A SIDA tivo un grande impacto na sociedade, tanto como enfermidade coma por ser unha causa de discriminación das persoas infectadas. A enfermidade tamén ten un impacto económico moi significativo. Hai moitas concepcións erradas sobre a SIDA, como a crenza de que pode transmitirse por contactos casuais non sexuais.

  1. Erro no código da cita: Etiqueta <ref> non válida; non se forneceu texto para as referencias de nome Xunta
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para sida.
  3. Sepkowitz KA (2001). "AIDS—the first 20 years". N. Engl. J. Med. 344 (23): 1764–72. PMID 11396444. doi:10.1056/NEJM200106073442306. 
  4. Erro no código da cita: Etiqueta <ref> non válida; non se forneceu texto para as referencias de nome TransmissionM2007
  5. "HIV and Its Transmission". Centers for Disease Control and Prevention. 2003. Arquivado dende o orixinal o 04 de febreiro de 2005. Consultado o 23 de maio de 2006. 
  6. Sharp, PM; Hahn, BH (2011 Sep). "Origins of HIV and the AIDS Pandemic". Cold Spring Harbor perspectives in medicine 1 (1): a006841. PMC 3234451. PMID 22229120. doi:10.1101/cshperspect.a006841. 
  7. Gallo RC (2006). "A reflection on HIV/AIDS research after 25 years". Retrovirology 3: 72. PMC 1629027. PMID 17054781. doi:10.1186/1742-4690-3-72. 
  8. "Global Report Fact Sheet" (PDF). UNAIDS. 2010. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 19 de marzo de 2013. Consultado o 29 de xuño de 2013. 
  9. Erro no código da cita: Etiqueta <ref> non válida; non se forneceu texto para as referencias de nome UN2011Ten
  10. Erro no código da cita: Etiqueta <ref> non válida; non se forneceu texto para as referencias de nome Kallings

© MMXXIII Rich X Search. We shall prevail. All rights reserved. Rich X Search