Sikhismo

Símbolo do sikhismo.
Home sikh diante do Templo Dourado.

O sikhismo[1] (en punjabi: ਸਿੱਖੀ sikkhī, do sánscrito: 'śiṣya' 'aprendiz', ou śikṣa 'instrución'[2][3]), tamén coñecido tradicionalmente como gurmat (literalmente, 'o consello dos gurús) ou dharma sikh (doutrina dos sikhs), é unha relixión monoteísta que se desenvolveu durante o século XV na rexión de Punjab[4][5], no contexto do conflito entre o hinduísmo e o islam. Os seguidores do sikhismo chámanse sikhs.

O termo sikh significa en punjabi discípulo forte e tenaz. A doutrina básica do sikhismo consiste na crenza dun único deus e as ensinanzas do gurú Nanak e dos Dez Gurús do sikhismo, recollidas no libro sagrado dos sikhs, o Guru Granth Sahib. Dun monoteísmo estrito, estas ensinanzas son unha síntese do movemento bhakti hinduísta e do sufismo islámico que nega a autoridade dos vedas, abole o sacrificio, o sacerdocio e o sistema de castas. Coas ensinanzas do último gurú Gobind Singh (1666-1708), o seu carácter pacifista transformouse nun espírito militar, rexeitando a doutrina non violenta do ahimsa. Os templos sikhs reciben o nome de gurdwaras e o máis importante é o Templo Dourado da cidade de Amritsar.

Os sikhs cren nun deus chamado Ek Onkar[6], omnipresente e con cualidades infinitas e, en certo xeito, son panteístas[7]. Tamén cren na reencarnación, mais aceptan outras crenzas para despois da morte. Practican as virtudes da caridade, amabilidade e humildade contra os vicios da ira, gula e luxuria. Manteñen que hai igualdade entre todas as persoas (son contrarios ao sistema de castas da India) e procuran un estilo de vida chamado Chardi Kala, que se considera positivo e optimista[8].

É a quinta relixión máis importante do mundo por número de fieis, cun número estimado de 25 millóns de crentes en todo o mundo. A maior parte deles (o 75%) viven na rexión india de Punjab, onde representan o 60% da poboación, mais tamén hai comunidades sikhs importantes nos Estados Unidos, no Reino Unido, no Canadá, en Malaisia e en Singapur[9][10].

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para sikhismo.
  2. Singh, Khuswant (2006). Oxford University Press, ed. The Illustrated History of the Sikhs. Nova Delhi. p. 15. ISBN 0-19-567747-1. 
  3. Nabha, Kahan Singh. Gur Shabad Ratnakar Mahan Kosh/ਗੁਰ ਸ਼ਬਦ ਰਤਨਾਕਰ ਮਹਾਨ ਕੋਸ਼. p. 720. Arquivado dende o orixinal o 06 de marzo de 2009. Consultado o 25 de marzo de 2016. 
  4. Cole, W.Owen e Sambhi, Piara Singh (1993). Palgrave Macmillan, ed. Sikhism and Christianity: A Comparative Study (Themes in Comparative Religion). Wallingford, Reino Unido. p. 117. ISBN 0333541073. 
  5. Partridge, Christopher (2013). Fortress Press, ed. Introduction to World Religions. p. 429. ISBN 978-0-8006-9970-3. 
  6. Singh, Ishar (1985). Atlantic Publishers & Distri, ed. The Philosophy of Guru Nanak. p. 129. 
  7. Gier, Nicholas F. (2014). Lexington Books, ed. The Origins of Religious Violence: An Asian Perspective. p. 212. ISBN 073919223X. 
  8. Sachs Norris, Rebecca (2012). BRILL, ed. Religion and the Body: Modern Science and the Construction of Religious Meaning. p. 240. ISBN 978-90-04-22111-6. 
  9. Adherents.com. "Religions by adherents". Arquivado dende o orixinal o 09 de xullo de 2011. Consultado o 25 de marzo de 2016. 
  10. McDowell, Michael e Brown Nathan Robert (2009). Alpha Books, ed. World Religions at Your Fingertips. p. 232. ISBN 978-1-59257-846-7. 

© MMXXIII Rich X Search. We shall prevail. All rights reserved. Rich X Search