Tapiz de Bayeux

Tapiz de Bayeux
Escena que representa o bispo Odo de Bayeux co bastón (baculum), signo de autoridade, durante a batalla de Hastings, alentando os combatentes.
DataEntre 1066 e 1082
TécnicaBordado
Dimensións50 cm × 6 838 cm
LocalizaciónMuseo do Tapiz de Bayeux (Bayeux)

O Tapiz de Bayeux, tamén coñecido como o Tapiz da raíña Matilde, e aínda antes como "Telle de Conquest" (por "tea da Conquista") é un bordado (antes "tapiz de puntos con agulla") do século XI, inscrito dende 2007 no rexistro Memoria do mundo pola UNESCO.

Describe feitos acontecidos dende finais do reinado do rei de Inglaterra Eduardo o Confesor en 1064 até a batalla de Hastings en 1066, na que estaba en xogo o trono de Inglaterra, contestado a Harold Godwinson por Guillerme, duque de Normandía. Nel detállanse os eventos principais da batalla; o resultado desta determinou a conquista normanda de Inglaterra,[1] mais case a metade das escenas relatan feitos anteriores á invasión en si mesma.[2] Ao parecer foi encargado por Odo de Bayeux, medio-irmán de Guillerme, e realizado no transcurso dos anos seguintes á conquista.

Aínda que moi favorábel a Guillerme o Conquistador, ata o punto de ser considerado ás veces como unha obra de propaganda, ten un valor documental inestimábel para o coñecemento do século XI normando e inglés. Dá información sobre vestimenta, castelos, navíos e as condicións de vida naquela época. Neste aspecto, constitúe un dos raros exemplares de arte románica profana.

Conservado ata o final do século XVIII no Tesouro da catedral de Bayeux, librouse por pouco da destrución durante a Revolución francesa. Agora pode verse no centro Guillerme o Conquistador[3], enteiramente dedicado a el.

  1. Escenas 51 e seguintes.
  2. O desembarco, escena 38.
  3. Sitio oficial do tapiz de Bayeux.

© MMXXIII Rich X Search. We shall prevail. All rights reserved. Rich X Search