Viquingo

Embarcación viquinga.
Viaxes viquingas.

O termo viquingo[1] (do antigo nórdico víkingr[2]) polo común sinala os exploradores, navegantes, comerciantes e guerreiros normandos (literalmente "homes do Norte"), que orixinarios de Escandinavia, atacarían as costas das Illas británicas, Francia, a Península Ibérica e outras partes de Europa, chegando tan lonxe como ata o río Volga, en Rusia, entre o século VIII e o século XI. O período da historia europea, datada polo xeral entre 793 e 1066, é con frecuencia denominada a Era dos viquingos. O termo é usado, tamén, para designar as poboacións de Escandinavia na Era dos viquingos, e aínda os seus asentamentos noutras partes. Os viquingos controlaban boa parte do comercio co norte de Europa e dominaban as rutas do Báltico e do interior de Rusia ata Bizancio

Famosos polas súas habilidades mariñeiras e polos seus barcos oblongos, os viquingos fundaron en tres séculos asentamentos nas costas e ríos no continente europeo e fóra del: Irlanda, Normandía, as illas Shetland, as Orkney, e as Illas Feroe, Islandia, Groenlandia, Terra Nova e outras ata preto de mil. A súa influencia atinxiu ao Sur ata África do Norte; e ao Leste ata Rusia e Constantinopla, onde practicaron a pillaxe, pero onde chegaron tamén como mercadores e mercenarios. Viquingos so o mando de Leif Eriksson, herdeiro de Erik o Roxo, foron os primeiros exploradores de América do Norte, con probábeis expedicións ata o actual Canadá, no século X. As viaxes viquingas foron menos frecuentes a partir da introdución do Cristianismo en Escandinavia nos séculos X e XI. Considérase que a Era dos viquingos acabou na Batalla de Stamford Bridge en 1066.

A palabra viking (viquingo) foi introducida na lingua inglesa con connotacións románticas no século XVIII, mais os etimoloxistas datan os usos máis antigos da palabra nos escritores anglo-francos, que denominaban "víkingr" a quen vivía do saqueo e a pillaxe. Nas linguas escandinavas o termo viquingo aplícase a xente que marcha nas expedicións viquingas ben para atacar ou para comerciar.

  1. Dicionario da Real Academia Galega (ed.). "viquingo". Arquivado dende o orixinal o 22 de xullo de 2013. Consultado o 20 de marzo de 2015. 
  2. Diccionario de la lengua española de la Real Academia Española (ed.). "vikingo, ga." (en castelán). Consultado o 31 de agosto de 2014. 

© MMXXIII Rich X Search. We shall prevail. All rights reserved. Rich X Search