Xene

Un xene é un segmento de ADN que codifica unha función. Un cromosoma é unha longa cadea de ADN que contén varios xenes. Un cromosoma humano pode ter ata 500 millóns de pares base de ADN con miles de xenes.

Un xene[1] é a unidade básica de herdanza dos seres vivos. Dende o punto de vista molecular, un xene é unha secuencia lineal de nucleótidos na molécula de ADN (ou ARN no caso dalgúns virus), que contén a información necesaria para a síntese dunha macromolécula con función celular específica. Por exemplo: Proteínas, ARNm, ARN ribosómico, ARN de transferencia e ARN pequenos. Esta función pode estar vinculada ó desenvolvemento ou funcionamento dunha función fisiolóxica normal. O xene é considerado como a unidade de almacenamento de información e unidade de herdanza ó transmitir esa información á descendencia. Os xenes dispóñense, pois, ao longo de cada un dos cromosomas. Cada xene ocupa no cromosoma unha posición determinada chamada locus. O conxunto de cromosomas dunha especie denomínase xenoma.

Algunhas enfermidades como a anemia drepanocítica (ou anemia falciforme) poden ser ocasionadas por un cambio nun só xene (un dos 30.000 'xenes que constitúen o plano para todo o corpo humano).

Os organismos diploides (entre eles, case todos os animais e plantas) dispón de dous xogos de cromosomas homólogos, cada un deles proveniente dun dos pais. Cada par de cromosomas ten, pois, un par de copias de cada xene, unha procedente da nai e outra do pai.

Os xenes poden aparecer en versións diferentes, con variacións pequenas na súa secuencia, denominadas alelos. Os alelos poden ser dominantes ou recesivos. Cando unha soa copia do alelo fai que se manifeste o trazo fenotípico, o alelo é dominante. Cando son precisas dúas copias do alelo (unha en cada cromosoma do par), o alelo é recesivo.

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para xene.

© MMXXIII Rich X Search. We shall prevail. All rights reserved. Rich X Search