A pilina é unha clase de proteínas fibrosas que se atopan nos pili bacterianos. Os pili (xeralmente tamén chamados fimbrias) bacterianos son unha especie de apéndices similares a pelos da superficie dalgunhas bacterias que serve para facilitar o intercambio de material xenético durante a conxugación bacteriana, mentres que os pili curtos ou fimbrias interveñen na adhesión celular a superficies, e as bacterias patóxenas adoitan utilizalos para adherirse ás células do hóspede. En bacterias gramnegativas as pilinas atópanse nos pili individualmente ou unidas por interaccións non covalentes e interaccións proteína-proteína, mentres que as bacterias grampositivas adoitan presentar as pilinas polimerizadas, como a LPXTG.[1]
As pilinas dos pili de tipo IV son proteínas α+β caracterizadas por ter unha hélice alfa N-terminal moi longa. Moitas pilinas son modificadas despois da tradución por glicosilación ou fosforilación. O proceso de elongación do pilus completo depende de interaccións entre as hélices N-terminais dos monómeros individuais. Na estrutura do pilus as hélices sitúanse no centro da fibra, as cales forman un poro central, mentres que as follas beta antiparalelas ocupan o exterior da fibra.[2] O mecanismo exacto de ensamblaxe do pilus a partir dos monómeros non se coñece, aínda que se identificaron proteínas chaperonas nalgúns tipos de pili[3] e determináronse os aminoácidos específicos necesarios para a formación de pili.[4]
© MMXXIII Rich X Search. We shall prevail. All rights reserved. Rich X Search