Valido

Gaspar de Guzmán, Conde-Duque de Olivares, por Velázquez, 1624. Aparece o valido como burócrata, apoiado nunha mesa e exhibindo a chave que o caracteriza como home que dispuña da confianza absoluta do rei Filipe IV. Os seus cargos formais na corte foron sommelier de corps e caballerizo maior (desde 1622), o que o capacitaba para acompañar o rei en todo momento, tanto en palacio coma se saía de caza, e obrigábano a durmir nos seus apousentos. Logo foi tamén camareiro maior (desde 1636).

A figura do valido é unha institución política propia do Antigo Réxime na Monarquía Hispánica, que alcanzou a súa plenitude baixo os chamados Austrias menores no século XVII. Porén non foi algo exclusivo da Monarquía hispánica senón que, durante o século XVII, varios estados tamén tiveron figuras semellantes, denominados privados, como o cardeal Richelieu e Mazarino no reino de Francia ou Cecil e Buckingham no Reino de Inglaterra.[1]

Aínda que non é un cargo con nomeamento formal, o de valido era o posto de maior confianza do monarca en cuestións temporais. É importante o matiz, porque as cuestións espirituais eran competencia do confesor real, figura de importancia política significativa. As funcións que exercía un valido eran as de máximo nivel na toma de decisións políticas, máis que un conselleiro, pois na práctica gobernaba en nome do rei, nun momento no que as monarquías autoritarias concentrarón un enorme poder na súa figura. Se o rei non pode ou non quere gobernar en por si, é imprescindible o valido.

Utilízanse como sinónimos os termos favorito ou privado. Convén evitar o termo primeiro ministro que nalgunha ocasión (sobre todo a finais do século XVII) se utilizou para situar o valido por encima de calquera outro ministro ou funcionario, pero que se confunde co concepto totalmente diferente de primeiro ministro na monarquía británica, equivalente ao que en España se chama presidente do consello de ministros, un cargo propio da Monarquía constitucional ou a Monarquía parlamentaria, non existente antes do século XIX.

  1. García 1997, p. 4

© MMXXIII Rich X Search. We shall prevail. All rights reserved. Rich X Search