Abella

Abella
Rango fósil: Cretáceo – Actualidade,

Abella doméstica polinizando flores.
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Arthropoda
Clase: Insecta
Orde: Hymenoptera
Suborde: Apocrita
Superfamilia: Apoidea
Familias

Andrenidae
Apidae
Colletidae
Dasypodaidae
Halictidae
Megachilidae
Meganomiidae
Melittidae
Stenotritidae

Sinonimia

Apiformes

As abellas son insectos himenópteros da familia dos ápidos, voadores, eusociais, emparentados coas avespas e as formigas. As abellas xogan un papel importante no proceso de polinización, e son produtoras do mel e cera. As abellas son unha liñaxe monofilética dentro da superfamilia Apoidea, e actualmente están clasificadas baixo o nome taxonómico Anthophila (un clado). Existen preto de 20.000 especies coñecidas clasificadas en diferentes familias,[1] aínda que moitas especies están aínda sen describir e o seu número é probablemente maior. Poden ser atopadas en tódolos continentes, agás na Antártica, é dicir en calquera hábitat do planeta que teña plantas con flor que poidan ser polinizadas por insectos.

As abellas están adaptadas para alimentárense do néctar e do pole, o primeiro como principal fonte de enerxía e o segundo para obter proteínas e outros nutrientes. O pole tamén é usado como comida para as larvas.

Teñen unha longa probóscide (unha sorte de "lingua") que lles permite obter o néctar das flores. Tamén teñen antenas compostas de 13 segmentos nos machos e 12 nas femias, así como dous pares de ás, sendo o par posterior o máis pequeno dos dous. Nunhas poucas especies, un dos sexos ou castes ten as ás relativamente máis curtas que lle fan que voar sexa dificultoso ou imposible, pero todas as especies as teñen.

A especie coñecida máis pequena é a Trigona minima, unha abella sen aguillón cuxas obreiras miden 2.1 mm de longo. A meirande é a Megachile pluto, cuxas femias poden acadar unha lonxitude de 39 mm. Os membros da familia Halictidae son as abellas máis comúns do Hemisferio norte, aínda que son pequenas e moitas veces son confundidas con avésporas ou moscas.

A especie máis coñecida é abella do mel, que como suxire o seu nome, produce mel, ó igual que outros tipos de abellas. A xestión humana desta especie é coñecida como apicultura.

  1. Danforth BN, Sipes S, Fang J, Brady SG (2006). "The history of early bee diversification based on five genes plus morphology". Proc. Natl. Acad. Sci. U.S.A. 103 (41): 15118–23. PMC 1586180. PMID 17015826. doi:10.1073/pnas.0604033103. 

© MMXXIII Rich X Search. We shall prevail. All rights reserved. Rich X Search