Beleza

A cidade de Venecia nunha pintura de Canaletto, considerada, un exemplo de beleza segundo os cánones pictóricos imperantes

A beleza,[1] definida como o conxunto de características dunha persoa, animal, lugar, obxecto ou idea que proporcionan unha experiencia de percepción de pracer ou satisfacción, é unha noción abstracta vinculada a numerosos aspectos da existencia humana. Este concepto é estudado principalmente pola disciplina filosófica da estética, mais esténdese, se ben en distintos graos, noutros terreos tal que a historia, a socioloxía ou a psicoloxía.

A experiencia da "beleza" a miúdo implica unha interpretación dalgunha entidade que está en equilibrio e harmonía coa natureza , o que pode conducir a sentimentos de atracción e benestar emocional. Debido a que esta pode ser unha experiencia subxectiva, a miúdo dise que "a beleza está no ollo do espectador.[2]

Hai probas de que a percepción da beleza determínase evolutivamente, que as cousas, os aspectos da xente e as paisaxes consideradas fermosos atópanse típicamente en situacións que poidan dar unha maior supervivencia dos xenes da percepción humana.[3][4]

Así mesmo, trátase dun concepto variábel segundo a época e a sociedade e mesmo dentro dunha mesma sociedade os cánones de beleza non teñen por que seren forzosamente os mesmos, mudando dun a outro individuo sen maior problema. Especial relevancia cobra o concepto de beleza dentro das artes, onde, ao igual que no resto de disciplinas, tamén foi mudando a súa concepción co correr do tempo.

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para beleza.
  2. Gary Martin (2007). The Phrase Finder, ed. "Beauty is in the eye of the beholder". Arquivado dende o orixinal o 30/11/2007. Consultado o 16/11/2014. 
  3. The Oxford Handbook for Aesthetics
  4. "Denis Dutton: A Darwinian theory of beauty | Video on TED.com". Arquivado dende o orixinal o 11 de febreiro de 2014. Consultado o 15 de novembro de 2014. 

© MMXXIII Rich X Search. We shall prevail. All rights reserved. Rich X Search