Calendario gregoriano

Gregorio XIII.

O calendario gregoriano é un calendario de orixe europea, actualmente empregado de xeito oficial en case todo o mundo.[1] Recibe o seu nome por ser o seu promotor o papa Gregorio XIII, quen promulgou o seu uso por medio da bula Inter Gravissimas. A partir de 1582 substituíu gradualmente en distintos países ao calendario xuliano, utilizado desde que Xulio César o instaurara no ano 46 a. C. O calendario xuliano era, basicamente, o calendario exipcio, o primeiro calendario solar coñecido que estableceu a duración do ano en 365,25 días.

Había dúas razóns para establecer o calendario gregoriano. A primeira foi que o calendario xuliano asumía incorrectamente que a media do ano solar era exactamente de 365,25 días, unha sobreestimación de algo menos dun día por século. A reforma gregoriana acurtou o ano medio (do calendario) en 0,0075 días para deter a deriva do calendario con respecto aos equinoccios. A segunda viña dada polo feito de que, nos anos transcorridos desde o Primeiro Concilio de Nicea, o exceso de anos bisestos introducidos polo algoritmo xuliano causara un desfase tal que o equinoccio de primavera estaba ocorrendo antes da súa data nominal do 21 de marzo. Esta data é importante para as igrexas cristiáns porque nela referénciase o cálculo da Pascua. Para restablecer a asociación, a reforma adiantou a data dez días: ao xoves 4 de outubro de 1582 seguiuno o venres 15 de outubro do mesmo ano. Ademais, a reforma tamén alterou o ciclo lunar usado pola Igrexa para calcular a data da Pascua porque as lúas novas astronómicas estaban ocorrendo catro días antes das datas calculadas.

A reforma foi adoptada inicialmente nos países católicos de Europa e nas súas posesións de ultramar. Durante os tres séculos seguintes, os países protestantes e cristiáns ortodoxos fórono asumindo, aínda que o chamaban o Calendario mellorado para evitar referirse ao catolicismo, sendo Grecia o derradeiro país europeo en adoptalo (só para uso civil) en 1923. Durante o século XX, moitos países non occidentais tamén adoptaron o calendario, polo menos para uso civil.

O calendario espaza os anos bisestos para obter un ano medio de 365,2425, aproximando o ano solar de 365,2422 días. A regra para os anos bisestos é:

Todos os anos que son divisíbeis entre 4 son anos bisestos, agás os que son divisíbeis por 100, mais estas centurias son anos bisestos se son divisíbeis entre 400. Por exemplo, os anos 1700, 1800 e 1900 non son bisestos, mais os anos 1600 e 2000 sono.[2]

Baséase na translación da Terra arredor do Sol de 365,2422 días de 24 horas de 60 minutos de 60 segundos métricos. O calendario gregoriano dá un tempo medio para o ano de 365,2425 días; para asegurar un número enteiro de días por ano, engadimos regularmente (97 anos bisestos cada 400 anos) un día bisesto, o 29 de febreiro.

  1. Dershowitz & Reingold (2008), p. 45. "The calendar in use today in most of the world is the Gregorian or new-style calendar designed by a commission assembled by Pope Gregory XIII in the sixteenth century.".
  2. Introduction to Calendars Arquivado 13 de xuño de 2019 en Wayback Machine.. (15 de maio de 2013). United States Naval Observatory.

© MMXXIII Rich X Search. We shall prevail. All rights reserved. Rich X Search