Conflito sexual

Drosophila melanogaster (en apareamento) é un importante organismo modelo na investigación do conflito sexual.

O conflito sexual ou antagonismo sexual é o fenómeno que ocorre cando os dous sexos dunha especie teñen estratexias óptimas de fitness que entran en conflito sobre a reprodución, especialmente sobre o modo e frecuencia de apareamento, que podería levar a unha carreira de armamentos evolutiva entre machos e femias.[1][2] Nun exemplo, os machos poden beneficiarse de múltiples apareamentos, mentres que isto pode causar dano ou poñer en perigo ás femias, debido ás diferenzas anatómicas entre eles.[3] O conflito sexual subxace na distinción evolutiva entre machos e femias.[4]

O desenvolvemento dunha carreira de armamentos evolutivos pode tamén observarse no modelo da selección sexual de escorrentamento (chase-away model),[5] que sitúa os conflitos intersexuais no contexto da evolución de características sexuais secundarias, explotación sensorial e resistencia das femias.[1] De acordo coa selección de escorrentamento, o conflito sexual continuo crea un ambiente no cal a frecuencia de apareamento e o desenvolvemento de caracteres sexuais secundarios están en certa medida acompasados co grao de resistencia da femia.[1] Foi ben estudado primeiramente en animais, aínda que pode en principio aplicarse a calquera organismo que se reproduce sexualmente, como as plantas e os fungos. De feito, hai tamén algunhas evidencias de conflito sexual en plantas.[6]

O conflito sexual pode adoptar dúas grandes formas:

  1. Conflito sexual interloci. É a interacción dun conxunto de alelos antagonistas nun ou máis loci nos machos e femias.[7] Un exemplo é o conflito sobre as taxas de apareamento. Os machos frecuentemente teñen unha maior taxa de apareamento óptima que as femias porque na maioría das especies animais, eles investen menos recursos na descendencia que as súas femias. Por tanto, os machos teñen numerosas adaptacións para inducir as femias a aparearse con eles. Outros exemplos ben documentados de conflito sexual interloci son as proteínas do fluído sexual de Drosophila melanogaster, que regula á alza a taxa de deposición de ovos da femia e reduce o seu desexo de volverse aparear con outro macho (beneficiando os intereses do macho), pero tamén acurta a duración da vida da femia,[8] reducindo a súa fitness.
  1. Conflito sexual intralocus. Este tipo de conflito representa un tira e afrouxa entre a selección natural en ambos os sexos e selección sexual nun sexo. Un exemplo sería a cor do peteiro dos pimpíns Taeniopygia. A ornamentación podería ser custosa de producir, pero é importante na escolla de apareamento. Porén, tamén fai ao individuo máis vulnerable aos predadores. Como resultado, os alelos para tales caracteres fenotípicos existen baixo selección antagonista. Este conflito resólvese por medio dun dimorfismo sexual elaborado mantendo así alelos sexualmente antagonistas na poboación. As evidencias indican que o conflito intralocus pode ser unha importante restrición na evolución de moitos caracteres.[9]

O conflito sexual pode conducir a unha coevolución antagonista, na cal nun sexo (xeralmente os machos) evoluciona un carácter favorable que é compensado por un carácter contrarrestador no outro sexo. De xeito similar, o conflito sexual interloci pode ser o resultado do que se chama ciclo perpetuo. O ciclo perpetuo empeza cos caracteres que favorecen a competición reprodutiva dos machos, que finalmente se manifesta na persistencia do macho. Estes caracters favorables causan unha redución na fitness das femias debido á súa persistencia. Despois deste evento, as femias poden desenvolver unha contraadaptación, é dicir, un carácter favorable que reduce o custo directo aplicado polos machos. Isto coñécese como resistencia da femia. Despois disto, a depresión da fitness da femia diminúe e o ciclo empeza de novo.[5] O conflito sexual interloci reflicte as interaccións entre parellas para conseguir as súas estratexias de fitness óptima e pode ser explicado por medio de conceptos evolutivos.

A explotación sensorial polos machos é un mecanismo na que os machos intentan superar a reticencia da femia. Pode ter como resultado a selección de escorrentamento (chase-away), que despois leva a unha carreira de armamentos evolutiva. Hai tamén outros mecanismos implicados en conflitos sexuais como a inseminación traumática, copulación forzada, esgrima cos penes, dardos de amor e outros.

A resistencia das femias inclúe tradicionalmente reducir os efectos negativos a mecanismos aplicados polos machos, pero fóra da norma pode incluír o canibalismo sexual, aumento da fitness nas femias sobre a descendencia e o aumento da agresión dos machos.

Algúns consideran os conflitos sexuais como un subconxunto da selección sexual (que era tradicionalmente considerada como mutualista), mentes que outros suxiren que é un fenómeno evolutivo diferente.[10]

  1. 1,0 1,1 1,2 Danchin, Étienne; Giraldeau, Luc-Alain; Cézilly, Frank (2008). Behavioural Ecology. Oxford: Oxford University Press. ISBN 978-0-19-920629-2. 
  2. Parker, G. A. (2006). "Sexual conflict over mating and fertilization: An overview". Philosophical Transactions of the Royal Society B: Biological Sciences 361 (1466): 235–59. PMC 1569603. PMID 16612884. doi:10.1098/rstb.2005.1785. 
  3. Erro no código da cita: Etiqueta <ref> non válida; non se forneceu texto para as referencias de nome reducing cost
  4. Gissis, Snait B.; Lamm, Ehud; Shavit, Ayelet (2018-01-12). Roughgarden, Joan, ed. Landscapes of Collectivity in the Life Sciences (en inglés). MIT Press. p. 228. ISBN 978-0-262-34266-7. 
  5. 5,0 5,1 Holland, Brett; Rice, William R. (1998). "Perspective: Chase-Away Sexual Selection: Antagonistic Seduction Versus Resistance". Evolution 52 (1): 1–7. JSTOR 2410914. PMID 28568154. doi:10.2307/2410914. 
  6. Lankinen, Åsa; Green, Kristina Karlsson (2015-01-01). "Using theories of sexual selection and sexual conflict to improve our understanding of plant ecology and evolution". AoB Plants 7: plv008. PMC 4344479. PMID 25613227. doi:10.1093/aobpla/plv008. 
  7. Chapman, Tracey; Arnqvist, Göran; Bangham, Jenny; Rowe, Locke (2003). "Sexual conflict" (PDF). Trends in Ecology & Evolution 18 (1): 41–7. doi:10.1016/S0169-5347(02)00004-6. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 26 de xullo de 2021. Consultado o 19 de xullo de 2023. 
  8. Erro no código da cita: Etiqueta <ref> non válida; non se forneceu texto para as referencias de nome fruit flies ACPs
  9. Erro no código da cita: Etiqueta <ref> non válida; non se forneceu texto para as referencias de nome arnq
  10. T Lodé "la guerre des sexes chez les animaux" Eds O Jacob, Paris, 2006, ISBN 2-7381-1901-8

© MMXXIII Rich X Search. We shall prevail. All rights reserved. Rich X Search