Crocodilianos

Crocodilianos
Rango fósil: Cretáceo tardío-Holoceno
(desde hai 83,5 millóns de anos)

Desde arriba á esquerda en sentido das agullas do reloxo: crocodilo de auga salgada (Crocodylus porosus), aligátor do Mississippi (Alligator mississippiensis) e gavial (Gavialis gangeticus)
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Reptilia
Subclase: Eusuchia (clado sen categoría)
Orde: Crocodilia
Owen, 1842
Distribución de Crocodilia
Distribución de Crocodilia

Distribución de Crocodilia
Subgrupos

Os crocodilianos[1][2] ou crocodilios son os réptiles da orde Crocodilia (ou Crocodylia), da que existen 24 especies vivas e numerosas fósiles. Son réptiles maioritariamente grandes, predadores e semiacuáticos. Pertencen a esta orde os crocodilos (familia Crocodylidae), os aligátores e caimáns (ambos da familia Alligatoridae) e os gaviais (familia Gavialidae). Aínda que ás veces a palabra crocodilo se usa vulgarmente para referirse a todos os membros da orde, propiamente falando só son verdadeiros crocodilos os da familia dos crocodílidos. Apareceron hai 83,5 millóns de anos no Cretáceo tardío (no piso do Campaniano) e son os parentes vivos máis próximos das aves, xa que ambos os grupos son os únicos superviventes do gran grupo dos Archosauria. O clado Pseudosuchia, que é membro do grupo total da orde, apareceu hai uns 250 millóns de anos no Triásico temperán, e diversificouse durante o Mesozoico.

Os crocodilianos son réptiles con forma de lagartos grandes e de corpo robusto, que teñen longos morros aplanados, colas comprimidas lateralmente, e ollos, oídos e orificios nasais na parte superior da cabeza. Son bos nadadores e poden moverse por terra camiñando con "paso alto" (levantando o corpo do chan) ou con "paso baixo" (preto do chan), e as especies menores mesmo poden galopar. A súa pel é grosa e cuberta de escamas non solapadas. Teñen dentes cónicos como paus e unha trabada moi poderosa. O seu corazón ten catro cámaras e, de modo parecido ás aves, teñen un sistema de circulación do aire en bucle unidireccional nos pulmóns, pero igual que outros réptiles non avianos son ectotermos.

Os crocodilianos encóntranse principalmente en terras baixas dos trópicos, pero os aligátores tamén viven no sueste dos Estados Unidos e no río Yangtzé da China. Son fundamentalmente carnívoros, e as diversas especies aliméntanse de animais como peixes, crustáceos, moluscos, aves e mamíferos; algunhas especies como o gavial teñen unha alimentación especializada, mentres que outros como o crocodilo de auga salgada (Crocodylus porosus) teñen dietas xeneralizadas. Os crocodilianos son tipicamente solitarios e territoriais, aínda que poden realizar unha alimentación cooperativa. Durante a época reprodutora, os machos dominantes procuran monopolizar as femias dispoñibles. As femias poñen ovos en niños con forma de burato ou de morea e, a diferenza da maioría dos demais réptiles, coidan as súas crías acabadas de eclosionar.

Hai oito especies de crocodilos que atacan os humanos. O maior número de ataques son os protagonizados polo crocodilo do Nilo. Os humanos son a maior ameaza para as poboacións de crocodilianos debido á caza ou á destrución do hábitat que realizan, pero a cría de crocodilianos en granxas reduciu moito o comercio ilegal de peles de crocodilianos salvaxes. As representacións artísticas e literarias de crocodilianos son frecuentes nas culturas humanas de diversas partes do mundo desde polo menos o antigo Exipto. A primeira mención coñecida da historia de que os crocodilos choran polas súas vítimas, data do século IX, e despois aparece en obras de autores como William Shakespeare de finais do XVI e principios do XVII.

  1. Varios autores (1999). Enciclopedia Galega Universal. Tomo 6. Ir Indo. p. 441. ISBN 84-7680-294-3.  (do tomo)
  2. Varios autores (2000). Gran Dicionario Xerais da Lingua. Edicións Xerais de Galicia. ISBN 84-8302-590-6. 

© MMXXIII Rich X Search. We shall prevail. All rights reserved. Rich X Search