Crocodilo

Crocodilo pode ser calquera das 13 ou 14 especies existentes (e outras fósiles) dos réptiles da familia Crocodylidae (crocodílidos). O termo tamén é usado ás veces sensu lato para incluír todos os membros da orde Crocodilia. Discútese se o xénero Tomistoma pertence a Crododylidae ou a Gavialidae. O maior réptil hoxe na face da terra que pertence a esta familia é o crocodilo de auga salgada, que se encontra desde a India a Australia.

As diferenzas externas máis obvias entre os crocodilos e os aligátores son visibles na cabeza. Os crocodilos teñen cabezas máis estreitas e máis longas, e os morros teñen máis forma de V que de U. A mandíbula superior do aligátor é máis ancha que a inferior, e os dentes da mandíbula inferior encaixan en pequenas depresións da mandíbula superior. As mandíbulas superior e inferior dos crocodilos son da mesma anchura, e os dentes da mandíbula inferior quedan ao bordo ou pola parte externa da mandíbula superior cando pechan a boca. Nos crocodilos, cando pechan a boca o longo cuarto dente da mandíbula inferior encaixa nunha amosega da parte externa da mandíbula superior, polo que é moi visible.[1] Os crocodilos teñen dedos máis palmados nos pés traseiros e poden tolerar mellor a auga salgada, xa que teñen glándulas do sal especializadas, que están presentes pero non son funcionais nos aligátores. Os crocodilos son os máis agresivos dentro dos crocodilianos.[2] Diferéncianse da familia dos gaviálidos por teren un fociño máis ancho.

  1. "Crocodilian Biology Database - FAQ - What's the difference between a crocodile and an alligator". Flmnh.ufl.edu. Consultado o 5 April 2009. 
  2. Guggisberg, C.A.W. (1972). Crocodiles: Their Natural History, Folklore, and Conservation. Newton Abbot: David & Charles. p. 195. ISBN 0-7153-5272-5. 

© MMXXIII Rich X Search. We shall prevail. All rights reserved. Rich X Search