Darwinismo

Charles Darwin en 1880, aos 71 anos (dous anos antes da súa morte). A repercusión da teoría da evolución por selección natural aparecida en 1859 coa publicación de On the Origin of Species xa era unha realidade que revolucionara numerosos campos da ciencia.

O darwinismo[1] é o termo co que se describen as ideas de Charles Darwin, especialmente en relación á evolución biolóxica por selección natural.

O darwinismo, tal como se entende hoxe, non é sinónimo de evolucionismo, xa que este último é anterior a Charles Darwin: as teorías darwinistas son evolucionistas, pero a súa contribución clave é o concepto de selección natural considerado determinante para explicar a causa da evolución,[2] e que no seu posterior desenvolvemento, con numerosas achegas e correccións, permitirá a formulación da teoría da evolución actual ou síntese evolutiva moderna. Por tanto, estritamente falando, é igualmente equivocado usar o termo «darwinismo» para referirse á actual teoría da evolución, xa que esta non se reduce só ás ideas postuladas por Charles Darwin. Os nomes que se lle deu á teoría da evolución moderna despois do darwinismo foron neodarwinismo e síntese evolutiva moderna ou recentemente síntese evolutiva moderna ampliada.

O termo darwinismo foi acuñado polo biólogo inglés Thomas Henry Huxley en abril de 1860.[3] Usouse inicialmente para describir conceptos evolutivos en xeral, incluíndo os conceptos iniciais publicados polo filósofo inglés Herbert Spencer. Moitos dos propoñentes do darwinismo naquela época, incluíndo Huxley, tiñan algunhas reservas sobre o significado da selección natural, e o propio Darwin deu en determinada época certo creto ao lamarckismo. O estrito neodarwinismo do biólogo evolutivo alemán August Weismann foi gañando partidarios a finais do século XIX. Durante o período de 1880 a 1920, que ás veces se denomina "a eclipse do darwinismo", os científicos propuxeron varios mecanismos evolutivos alternativos que finalmente se probou que eran insostibles. O desenvolvemento da síntese evolutiva moderna entre as décadas de 1930 e 1950, incorporou á selección natural a xenética de poboacións e a xenética mendeliana, e fixo revivir o darwinismo nunha forma actualizada.[4] Deste modo o darwinismo converteuse nun termo inapropiado para a moderna teoría evolutiva, debido a esta incorporación de moitas ideas e coñecementos descoñecidos anteriormente.[5][6]

Nos Estados Unidos, os creacionistas a miúdo usan o termo "darwinismo" como un termo pexorativo ligándoo a crenzas como o materialismo científico e ateísmo, pero en Europa o termo non ten connotacións negativas, e úsase como unha forma abreviada de refereirse á teoría da evolución por selección natural, aínda que se usen tamén os termos novos (síntese evolutiva moderna).[5]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para darwinismo.
  2. Javier Sampedro: Deconstruyendo a Darwin (pág. 22). Crítica, 2002. ISBN 978-84-8432-910-7.
  3. Huxley, T.H. (April 1860). "ART. VIII.—Darwin on the Origin of Species". Westminster Review (Book review) (London: Baldwin, Cradock, and Joy) 17: 541–570. Consultado o 2008-06-19. What if the orbit of Darwinism should be a little too circular? 
  4. Bowler 2003, pp. 179, 222–225, 338–339, 347
  5. 5,0 5,1 Scott, Eugenie C.; Branch, Glenn (16 January 2009). "Don't Call it 'Darwinism'". Evolution: Education and Outreach (New York: Springer Science+Business Media) 2 (1): 90–94. ISSN 1936-6426. doi:10.1007/s12052-008-0111-2. 
  6. Judson, Olivia (15 July 2008). "Let's Get Rid of Darwinism". The New York Times (New York: The New York Times Company). ISSN 0362-4331. Arquivado dende o orixinal o 05 de novembro de 2017. Consultado o 2015-11-16. 

© MMXXIII Rich X Search. We shall prevail. All rights reserved. Rich X Search