Dereito de pernada

«Le droi du Seigneur» (O dereito do señor (en galego)) por Vasily Polenov, un cadro historicista no que se mostra, en ton melodramático, un pobre ancián entregando as súas fillas mozas ao despótico señor feudal.

O dereito de pernada (en latín vulgar medieval, ius primae noctis, «dereito da primeira noite»; en inglés úsase a expresión francesa Droit de seigneur, aínda que en francés é máis acertada a locución Droit de cuissage) foi un dereito feudal que teoricamente establecía a potestade señorial de ter relacións sexuais (e polo tanto a gozar da súa virxindade) con toda doncela serva do seu feudo, que fora casar cun dos seus servos. Este presunto dereito tivo vixencia durante a Idade Media da Europa Occidental (aínda que hai paralelismos noutras partes do mundo) como compoñente do modo de produción feudal. O Dicionario da Real Academia Galega (DRAG) recolle a acepción estrita que acabamos de enunciar, pero tamén engade unha segunda acepción coloquial, máis ampla, referente ao abuso de autoridade.[1]

Dado que non apareceron documentos legais acerca deste presunto privilexio feudal, discutiuse moito sobre a súa natureza real. Basicamente hai quen acepta que se trata dun dereito señorial tal cal o define a historiografía tradicional, incluída a agresión sexual na noite de vodas; outros, en cambio, pensan que era un ritual simbólico de submisión que se saldaba co pagamento dunha taxa en especie ou metálico e unha cerimonia; hainos, por fin, que aceptan que o abuso sexual era un feito social (non referido ás vodas, aínda que si á servidume feudal), pero non un dereito: máis ben o reflexo da dominación dunha clase privilexiada e da baixa consideración que se tiña da muller na época.

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para dereito de pernada. na súa locución preposicional dentro de dereito

© MMXXIII Rich X Search. We shall prevail. All rights reserved. Rich X Search