Euxenesia

"A euxenesia é a autodirección da evolución humana", lema do Segundo Congreso Internacional de Euxenesia, en 1921, representado como unha árbore que unifica gran número de campos diferentes.

A euxenesia é unha filosofía social que defende a mellora dos trazos hereditarios humanos mediante varias formas de intervención.[1]

O termo foi cuñado en 1883 por Francis Galton (1822-1911), curmán de Charles Darwin e considerado como o pai da euxenesia moderna, co significando de 'ben nacido' (do grego εύ, 'ben', e γένεσις, 'nacemento').[2]

Galton definiu a euxenesia como o estudo dos axentes que actúan sobre o control social e que poden mellorar ou empobrecer as calidades raciais das futuras xeracións, sexa física ou mentalmente.[3] Noutras palabras, o melloramento xenético.

As metas perseguidas pola euxenesia variaron entre a creación de persoas máis sas e intelixentes, o aforro dos recursos da sociedade e o alivio do sufrimento humano. Os medios que se propuxeron antigamente para alcanzar estes obxectivos baseábanse na selección artificial, mentres que os modernos empregan o diagnóstico prenatal e a exploración fetal, a orientación xenética, o control de natalidade, a fecundación in vitro e a enxeñaría xenética.

A euxenesia é un asunto moi controvertido, particularmente despois do xurdimento da euxenesia nazi, que foi unha parte fundamental da ideoloxía da pureza racial, e que culminou no Holocausto. Pero xa desde o seu nacemento, e até os nosos días, diversos filósofos, sociólogos e científicos argumentaron que a euxenesia expuña serios problemas éticos, como a discriminación de persoas segundo categorías, xa que acaba por etiquetar ás persoas como "aptas" ou "non aptas" para a reprodución.

Mesmo coa cada vez maior utilización de técnicas de melloramento xenético empregadas actualmente en plantas e animais, aínda existen cuestionamentos éticos en canto ao seu uso en seres humanos, chegando até o punto de que algúns científicos declararon que é de feito imposíbel cambiar a natureza humana.

Os seus opoñentes aducen que a euxenesia é inmoral e está fundamentada en, ou é en si mesma, unha pseudociencia. Historicamente, a euxenesia usouse como xustificación para discriminacións coercitivas e violacións dos dereitos humanos promovidas polo Estado, como a esterilización forzosa de persoas con defectos xenéticos, o asasinato institucional e, nalgúns casos, o xenocidio de razas consideradas inferiores.

  1. Osborn, Frederick: "Desenvolvemento dunha filosofía euxénica" ("Development of a Eugenic Philosophy") en American Sociological Review, Vol. 2, Nº 3, xuño de 1937, páxs. 389-397.
  2. Galton, Francis (1973): Inquiries into human faculty and its development. New York: AMS Press. ISBN 0-404-08127-4
  3. José Roberto Goldim, Eugenia, UFRGS, 1998 (en portugués)

© MMXXIII Rich X Search. We shall prevail. All rights reserved. Rich X Search