Guerra de Bosnia

O edificio do parlamento bosníaco en Saraxevo en chamas despois de sufrir un ataque con fogo de artillaría en maio de 1992; Ratko Mladić con soldados serbios de Bosnia; un soldado noruegués das Nacións Unidas en Saraxevo. Fotos de Mijail Evstafiev.

Coñécese como guerra de Bosnia o conflito internacional que se desenvolveu na actual Bosnia e Hercegovina do 6 de abril de 1992 ao 14 de decembro de 1995, e que foi causada por unha complexa combinación de factores políticos e relixiosos: exaltación nacionalista, crises políticas, sociais e de seguridade que seguiron ao final da guerra fría e a caída do comunismo na antiga Iugoslavia.

Ao desintegrarse Iugoslavia en 1991, coa independencia de Croacia e Eslovenia, líderes nacionalistas serbobosnios como Radovan Karadzić e serbios como Slobodan Milošević marcáronse como obxectivo principal que todos os serbios -diseminados poas distintas repúblicas que compoñían Iugoslavia- viviran nun mesmo país. En febreiro de 1992, o pobo de Bosnia e Hercegovina decide en referendo a súa independencia da República Federal Socialista de Iugoslavia, nunha votación boicoteada polos serbobosnios.[1] A sección do Exército Popular Iugoslavo en Bosnia e Hercegovina, fiel ao referendo, organizouse no Exército da República Bosnia e Hercegovina (ARBiH), mentres que os serbios formaron o Exército da República Serbia (VRS). Nun principio os serbios ocuparon o 70 % do territorio de Bosnia e Hercegovina pero, ao unir as súas forzas o Consello Croata de Defensa e o ARBiH, a guerra tomou outro rumbo e as forzas serbias foron derrotadas na Batalla de Bosnia Occidental. A participación da OTAN, durante 1995, contra as posicións do VRS internacionalizou o conflito, pero só nas súas etapas finais. A alianza bosniocroata ocupou un 51 % do territorio de Bosnia e Hercegovina e chegou até as portas de Banja Luka. Ao veren perigar a súa capital de facto, os líderes serbios firmaron o armisticio e a guerra terminou oficialmente coa sinatura dos Acordos de Dayton, en París, o 14 de decembro de 1995.[2]

A guerra durou pouco máis de tres anos e causou cerca de 100.000 vítimas entre civís e militares e 1,8 millóns de desprazados, segundo informes recentes.[3] Das 97.207 vítimas totais documentadas, o 65 % foron bosníacos musulmáns e o 25 % serbios. Dentro das vítimas civís, o 83 % correspondeu a bosníacos.

  1. Cronoloxía da desintegración. Diario El Mundo (España)
  2. Acordos de paz de Dayton
  3. "Herald Tribune. Estimacións das Comisións". Arquivado dende o orixinal o 27 de xuño de 2007. Consultado o 27 de xuño de 2007. 

© MMXXIII Rich X Search. We shall prevail. All rights reserved. Rich X Search