Idade Media

Mausoleo en Rávena de Teodorico o Grande, rei dos ostrogodos. O reino dos ostrogodos sucedeu ao Imperio Romano de Occidente, cuxa desaparición marca o inicio da Idade Media.
Detalle do barrio xudeu de Ribadavia, que conserva a súa estrutura e aspecto medieval.
Pintura italiana, probabelmente veneciana, de finais do século XV ou comezos do XVI, que representa a caída de Constantinopla en 1453. Este feito marca, para algúns, a fin da Idade Media.

A Idade Media foi un período histórico da civilización occidental comprendido entre o século V e o século XV. Normalmente considérase a súa extensión entre a fin do Imperio Romano do Occidente, no século V (476 d.C.), e o descubrimento de América,[1] no século XV (1492 d.C.), ou en 1453 coa caída do Imperio Bizantino, data que coincide coa invención da imprenta (Biblia de Gutenberg) e coa fin da guerra dos Cen Anos. O adxectivo relacionado con este período é medieval (ver, por exemplo, literatura medieval, arte medieval, arquitectura medieval ou ciencia medieval). Certas sociedades non occidentais, como o Xapón, atravesaron períodos históricos "de transición" que se denominan tamén como Idade Media.

A 2015, os historiadores do período prefiren matizar esta ruptura entre Antigüidade e Idade Media de maneira que entre os séculos III e VIII adóitase falar de Antigüidade Tardía, que fora unha grande etapa de transición en todos os ámbitos: no económico, para a substitución do modo de produción escravista polo modo de produción feudal; no social, para a desaparición do concepto de cidadanía romana e a definición dos estamentos medievais, no político para a descomposición das estruturas centralizadas do Imperio romano que deu paso a unha dispersión do poder; e no ideolóxico e cultural para a absorción e substitución da cultura clásica polas teocéntricas culturas cristiá e islámica (en cadanseus espazos).[2]

Adoitase dividir en dous grandes períodos: Temperá ou Alta Idade Media (do século V ao X, sen unha clara diferenciación coa Antigüidade Tardía); e Baixa Idade Media (do século XI ao XV), que á súa vez pode dividirse nun período de plenitude, a Plena Idade Media (do século XI ao XIII), e os dous últimos séculos, ou Idade Media Tardía, que presenciaron a Crise da Idade Media ou do século XIV.

Malia haber algúns exemplos de utilización previa,[Nota 1] o concepto de Idade Media naceu como a segunda idade da división tradicional do tempo histórico debida a Cristóbal Cellarius (Historia Medii Aevi a temporibus Constantini Magni ad Constaninopolim a Turcis captam deducta, Jena, 1688),[3] quen a consideraba un tempo intermedio, sen apenas valor por si mesmo, entre a Idade Antiga identificada coa arte e a cultura da civilización grecorromana da Antigüidade clásica e a renovación cultural da Idade Moderna —na que el se sitúa— que comeza co Renacemento e o Humanismo. A popularización deste esquema perpetuou un preconcepto erróneo: o de considerar a Idade Media coma unha época escura, sumida no retroceso intelectual e cultural, e un aletargamento social e económico secular (que á súa vez se asocia co feudalismo nos seus trazos máis escurantistas, tal como se definiu polos revolucionarios que combateron o Antigo Réxime). Sería un período dominado polo illamento, a ignorancia, a teocracia, a superstición e o medo milenarista alimentado pola inseguridade endémica, a violencia e a brutalidade de guerras e invasións constantes e epidemias apocalípticas.[Nota 2]

Porén, neste longo período de mil anos houbo todo tipo de feitos e procesos moi diferentes entre si, diferenciados temporal e xeograficamente, respondendo tanto a influencias mutuas con outras civilizacións e espazos como a dinámicas internas. Moitos deles tiveron unha gran proxección cara ao futuro, entre outros os que estableceron as bases do desenvolvemento da posterior expansión europea, e dos axentes sociais que produciron unha sociedade estamental de base maiormente rural, pero que presenciou o nacemento dunha incipiente vida urbana e unha burguesía, que co tempo levarán ao capitalismo.[4] Lonxe de ser unha época inmobilista, a Idade Media, que comezara con migracións de pobos enteiros, e continuara con grandes procesos repoboadores (como o derivado da Reconquista na Península Ibérica, ou o Ostsiedlung en Europa Central e Oriental) viu como nos seus últimos séculos os antigos camiños (moitos deles vías romanas decaídas) se reparaban e modernizaban con airosas pontes, e se enchían de todas as clases de viaxeiros (guerreiros, peregrinos, mercadores, estudantes, goliardos etc.), encarnando a metáfora espiritual da vida coma unha viaxe (homo viator).[5]

Tamén xurdiron na Idade Media novas formas políticas, que van desde o califato islámico aos poderes universais da cristiandade latina (Pontificado e Imperio), ou o Imperio bizantino e os reinos eslavos integrados na cristiandade oriental (aculturación e evanxelización de Cirilo e Metodio); e, en menor escala, todo tipo de cidades estado, desde as pequenas cidades episcopais alemás ata repúblicas que mantiveron imperios marítimos como Venecia; deixando na metade da escala á que tivo maior proxección futura: as monarquías feudais, que transformadas en monarquías autoritarias prefiguran o estado moderno.

  1. Edad media 476-1492 (LibraryThing).
  2. Perry Anderson, op. cit.
  3. Riu, Manuel (1978): Prólogo á edición española en La historia del mundo en la Edad Media (The Shorter Cambridge Medieval History, The Later Roman Empire To The Twelfth Century). Madrid, Sopena, tomo I px. XXIV.
  4. Rodney Hilton, op. cit.
  5. Le Goff, op. cit., px. 63-64


Erro no código da cita: As etiquetas <ref> existen para un grupo chamado "Nota", pero non se atopou a etiqueta <references group="Nota"/> correspondente


© MMXXIII Rich X Search. We shall prevail. All rights reserved. Rich X Search