Linchamento

Vítima de linchamento, sur dos Estados Unidos, 1889

O linchamento ou lei de Lynch é o asasinato dun individuo, xeralmente por unha multitude, sen procedemento xudicial legal e en detrimento dos dereitos básicos de todo cidadán.

Moitos autores atribúen a orixe da palabra ao coronel Charles Lynch, que o puxo en práctica arredor do 1782, durante a guerra de independencia dos Estados Unidos de América. Porén, é máis ben atribuída ao capitán William Lynch (1742-1820), do condado de Pittsylvania, Virxinia, que mantivo un comité para mantemento da orde durante a revolución, no 1780.

A lei de Lynch deu orixe á palabra linchamento, en 1837, designando o desencadeamento do odio racial, tanto contra os indios (principalmente na Nova Inglaterra, a pesar das leis que os protexían), como contra os negros perseguidos polos "comités de vixilancia", que darán orixe ao Ku Klux Klan. No sur, a desconfianza da lei e a reivindicación de anarquía é o que parece que favoreceu o seu desenvolvemento.

Nos Estados Unidos, antes da Guerra Civil, o linchamento era usado principalmente contra os defensores dos dereitos civís, ladróns de cabalos e trampóns. Porén, arredor do 1880, o seu uso expandiuse a grupos de status social supostamente máis baixo, como os negros, xudeus, indios e inmigrantes asiáticos.

A práctica do linchamento ficou particularmente asociada ao asasinato de negros no sur dos Estados Unidos no período anterior ás reformas dos dereitos civís da década de 1960. Menos do 1% dos participantes en linchamentos nos EUA foron presos. Máis do 85% dos estimados 5.000 linchamentos do período posterior á guerra civil ocorreron nos estados do sur, mais o problema era nacional, co cumio en 1892, cando 161 negros foron linchados [Cómpre referencia].


© MMXXIII Rich X Search. We shall prevail. All rights reserved. Rich X Search