Lingua coreana

Coreano
한국어 (Corea do Sur)
조선말 (Corea do Norte)
Pronuncia:Hangugeo, Chosŏnmal
Outros nomes:국어(國語) gugeo. Coloquialmente tamén 우리말 urimal
Falado en: Corea do Norte e Corea do Sur
Rexións: Corea
Total de falantes: 80,4 millóns (2020)
Posición: 17
Familia: Linguas coreánicas
 Coreano
Escrita: hangul, hanja
Status oficial
Lingua oficial de: Corea do Sur
Corea do Norte
Rexional: China Prefectura autónoma coreana de Yanbian e Changbai
Regulado por: En Corea do Sur, o Instituto Nacional da Lingua Coreana (국립국어원/國立國語院)
Códigos de lingua
ISO 639-1: ko
ISO 639-2: kor
ISO 639-3: kor
SIL: KKN
Mapa

Status

O coreano está clasificado como "en estado seguro" polo Libro Vermello das Linguas Ameazadas da UNESCO[1]

A lingua coreana[2] (chamada en Corea do Sur: 한국어, hangug-eo; en Corea do Norte: 조선말, joseommal) é a lingua nativa duns 80 millóns de persoas, na súa maioría de orixe coreana.[a] É a lingua oficial e nacional tanto de Corea do Norte como de Corea do Sur (xeograficamente Corea), pero durante os últimos 74 anos de división política (e illamento de Corea do Norte), as dúas Coreas desenvolveron algunhas diferenzas de vocabulario notables. Ademais de nas dúas Corea, o coreano é unha lingua minoritaria recoñecida en partes da China, a saber, na provincia de Jilin, e concretamente na prefectura de Yanbian (연변/延邊) situada ao sur da provincia de Heilongjiang e no condado de Changbai. Así mesmo tamén se fala o Koryo-saram[b] en partes da illa rusa de Sakhalin e en zonas da Asia Central.[3]

O coreano é unha lingua asiática de clasificación controvertida, xa que presenta unhas características que se afastan do resto das linguas. A relación exacta entre o coreano e as linguas xapónicas, sobre todo a xaponesa, non está clara; hai unha longa controversia sobre se as semellanzas percibidas entre as dúas linguas deben ser atribuídas a unha orixe común ou máis ben á mutua influencia e a un sprachbund.[4][5][6] A lingua ten algúns parentes extintos que, xunto coa lingua jeju da Illa Jeju e o propio coreano, forman a familia compacta de linguas coreánicas. Aínda así, o jeju e o coreano non son mutuamente intelixibles entre si. Suxírese que a patria lingüística do coreano está nalgún lugar do nordeste da China contemporánea.[3] A xerarquía da sociedade da que procede a lingua inflúe profundamente no idioma, o que dá lugar a un sistema de niveis de fala e a honoríficos indicativos da formalidade de calquera situación.

O coreano moderno usa o alfabeto hangul nos seus escritos (한글; Hangul na Corea do Sur, 조선글; Choson'gul na Corea do Norte) un sistema fonético desenvolvido durante o século XV para tal fin, aínda que non se converteu na escritura primaria coreana ata o século XX. O alfabeto utiliza 24 letras básicas (jamo) e 27 letras complexas formadas a partir das básicas. O hangul ao contrario dos kanas xaponeses (hiragana e katakana) componse verdadeiramente de consoantes e vogais, formando un alfabeto de feito. Cando se rexistraron por primeira vez os textos históricos, o coreano era só unha lingua falada; todos os rexistros escritos mantíñanse en chinés clásico, que, mesmo cando se fala, é non intelixible para alguén que só fala coreano. Posteriormente, os caracteres chineses adaptados á lingua coreana, nanja 漢字, utilizáronse para escribir o idioma durante a maior parte da historia de Corea e aínda se utilizan de forma limitada en Corea do Sur, sobre todo nas humanidades e o estudo de textos históricos.

Desde principios do século XXI, algúns aspectos da cultura coreana estendéronse a outros países a través da globalización e a exportación cultural. Por iso, o interese pola adquisición do idioma coreano (como lingua estranxeira) tamén se xera polas alianzas, a participación militar e a diplomacia duradeira, como entre as relacións Corea do Sur-Estados Unidos, as relacións China-Corea do Norte e as relacións Corea do Norte-Rusia desde o final da segunda guerra mundial e a Guerra de Corea. Xunto con outros idiomas como o chinés e o árabe, o coreano está clasificado no nivel de dificultade máximo para os angloparlantes polo Departamento de Defensa dos Estados Unidos.

  1. Moseley, Christopher e Nicolas, Alexandre. "Atlas of the world's languages in danger". unesdoc.unesco.org. Consultado o 11 de xullo de 2022. 
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para coreano.
  3. 3,0 3,1 Hölzl, Andreas (2018-08-29). A typology of questions in Northeast Asia and beyond: An ecological perspective. Language Science Press. p. 25. ISBN 9783961101023. 
  4. Jae Jung (2005). The Korean language: structure, use and context. Routledge. p. 15. ISBN 978-0-415-32802-9. .
  5. Campbell, Lyle; Mixco, Mauricio (2007). "Korean, A language isolate". A Glossary of Historical Linguistics. University of Utah Press. pp. 7, 90–91. most specialists... no longer believe that the... Altaic groups... are related […] Korean is often said to belong with the Altaic hypothesis, often also with Japanese, though this is not widely supported .
  6. Kim, Nam-Kil (1992). "Korean". International Encyclopedia of Linguistics 2. pp. 282–86. scholars have tried to establish genetic relationships between Korean and other languages and major language families, but with little success .


Erro no código da cita: As etiquetas <ref> existen para un grupo chamado "lower-alpha", pero non se atopou a etiqueta <references group="lower-alpha"/> correspondente


© MMXXIII Rich X Search. We shall prevail. All rights reserved. Rich X Search