Lingua inglesa

Inglés
English
Pronuncia:ˈɪŋɡlɪʃ[1]
Falado en: Países anglófonos
Rexións: Orixinalmente Inglaterra, hoxe internacional
Total de falantes: 300 - 400 millóns (2006)[2]
400 millóns (segunda lingua)
600 - 700 millóns (como lingua estranxeira)[2]
Posición: 3
Familia: Indoeuropea
 Xermánico
  Xermano occidental
   Anglofrisón
    Ánglico
     Inglés
Escrita: Alfabeto latino
Estatuto oficial
Lingua oficial de: 67 países
21 entidades non soberanas
Regulado por: Non está regulado
Códigos de lingua
ISO 639-1: en
ISO 639-2: eng
ISO 639-3: eng
SIL: 52-ABA
Mapa
Status

O inglés está clasificado como "en estado seguro" polo Libro Vermello das Linguas Ameazadas da UNESCO[3]

A lingua inglesa ou inglés[4] é unha lingua indoeuropea da subfamilia das linguas xermánicas occidentais que xurdiu na Inglaterra anglosaxoa e que arestora é unha lingua franca a nivel global.[5][6] Recibe o seu nome dos anglos, unha das tribos xermánicas que migraron cara a Inglaterra, e cuxo nome deriva da península de Angeln, no mar Báltico. Está estreitamente relacionado coas linguas frisoas, malia que o seu vocabulario foi incluído significativamente por outras linguas xermánicas a comezos da Idade Media, e posteriormente polas linguas románicas, particularmente o francés.[7] O inglés é a lingua oficial ou unha das linguas oficiais de case 60 estados soberanos. É a lingua máis falada no Reino Unido, nos Estados Unidos, no Canadá, en Australia, Irlanda e Nova Zelandia e está moi estendida nalgunhas áreas do Caribe, África e sur de Asia.[8] É a terceira lingua nativa máis falada do mundo, despois do mandarín e do castelán.[9] É tamén a segunda lingua máis aprendida e lingua oficial da Nacións Unidas, da Unión Europea, e de moitas outras organizacións mundiais e rexionais. É a lingua xermánica máis falada, representando polo menos o 70% dos falantes desta póla da familia indoeuropea.

O inglés desenvolveuse ó longo de máis de 1 400 anos. As formas máis antigas do inglés, unha serie de dialectos anglofrisóns, chegaron a Gran Bretaña polos colonos anglosaxóns no século V, son chamadas inglés antigo. O inglés medio desenvolveuse no século XI coa conquista normanda de Inglaterra, nun período no que a lingua foi influída polo francés.[10] O inglés moderno comezou a finais do século XV coa introdución da imprenta en Londres, a Biblia do Rei Xacobe e o comezo da Gran mudanza vocálica.[11] A través da influencia mundial do Imperio Británico, o inglés moderno espallouse por todo o globo dende o século XVII até a metade do século XX. A través dos diversos medios impresos e electrónicos, así como o xurdimento dos Estados Unidos como superpotencia mundial, o inglés converteuse na lingua principal das relacións internacionais e a lingua franca en moitas rexións e en contextos profesionais como a ciencia, a navegación e a lei.[12]

O inglés moderno ten pouca flexión en comparanza con outras linguas, e susténtase moito en verbos auxiliares e na orde de palabras para a expresión de tempos complexos, aspectos e modo, así como de construcións pasivas, interrogativas e algunhas negacións. Malia as notables variacións dos acentos e dialectos do inglés empregados en diferentes rexións e países – en termos de fonética e fonoloxía, e ás veces en vocabulario, gramática e deletreo – os falantes de inglés en todo o mundo son quen de comunicarse cos outros con relativa facilidade.

  1. "English Adjective". Oxfordadvancedlearnersdictionary.com. Arquivado dende o orixinal o 09 de outubro de 2011. Consultado o 20 de abril de 2013. 
  2. 2,0 2,1 Crystal 2006, pp. 424–426.
  3. Moseley, Christopher e Nicolas, Alexandre. "Atlas of the world's languages in danger". unesdoc.unesco.org. Consultado o 11 de xullo de 2022. 
  4. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para inglés.
  5. Crystal 2003a, p. 6.
  6. Wardhaugh 2010, p. 55.
  7. Finkenstaedt, Thomas; Dieter Wolff (1973). Ordered profusion; studies in dictionaries and the English lexicon. C. Winter. ISBN 3-533-02253-6. 
  8. Crystal 2003b, pp. 108–109.
  9. Ethnologue 2010.
  10. Crystal 2003b, p. 30.
  11. "How English evolved into a global language". BBC. 20 de decembro de 2010. Consultado o 9 de agosto de 2015. 
  12. The Routes of English 2015.

© MMXXIII Rich X Search. We shall prevail. All rights reserved. Rich X Search