Mar

Mar
Compoñente vital da biosfera, o mar contén o 97,2% de toda a auga presente na Terra.
Diferentes formas de vida mariña a primeira foto mostra unha Actinia fragacea. Anemone fotografada en Camariñas, na segunda mostrase diferentes formas coralinas
Tsunami provocado polo terremoto do océano Índico do 2004 en Tailandia.
Baleas e luras son formas de vida mariña entre as moitas e diferentes que se dan nos mares

O mar[1] é un gran corpo de auga salgada rodeado por terra en parte ou na súa totalidade.[2] Máis amplamente, mar - como un artigo definido - é o sistema interconectado de augas dos océanos, considerando estes un océano global e o conxunto das varias divisións oceánicas principais. O mar modera o clima da Terra e desempeña importante papel nos ciclos da auga, do carbono e do nitróxeno. Aínda que foi canle para viaxes e exploracións desde a prehistoria, o seu estudo científico contemporáneo, a oceanografía, data da expedición Challenger británica, durante a década de 1870.[3] O mar está, por convención, dividido en cinco grandes seccións oceánicas, entre elas as catro instituídas pola OHI[4], que son o Atlántico, Pacífico, Índico e Ártico, máis o Antártico[5], seccións menores de segunda orde, como o Mediterráneo, son coñecidos como mares, así mesmo o termo tamén se usa para grandes lagos salinos que non teñen saída natural, como o mar Caspio, o mar de Aral e máis o mar Morto.

Debido o actual estado da deriva continental, o hemisferio norte configúrase cunha división equitativa entre a terra e o mar (cunha proporción de 2:3), mentres que no hemisferio sur é predominantemente oceánico (1:4,7)[6]. A salinidade en mar a fóra é, en xeral, de aproximadamente o 3,5% da masa, non obstante iso varía en augas pechadas, na proximidade da desembocadura de grandes ríos ou a grandes profundidades. Preto do 85% dos sólidos en mar aberto son cloruro de sodio. As correntes de augas profundas xorden a partir de diferenzas salinas e de temperatura; as correntes de superficie, á súa vez, están formadas polo rozamento das ondas producidas polos ventos e mareas. Os cambios periódicos na altura do nivel do mar orixínanse a partir da gravidade da Lúa e do Sol. As correntes mariñas son atribuída ás masas de terra de superficie e submarinas así como a rotación da Terra (Forza de Coriolis).

Antigos cambios nos niveis mariños provocaron a formación de plataformas continentais, áreas planas próximas á terra. Estas augas son ricas en nutrientes, e abundantes en vida, provendo aos humanos de materias esenciais para a súa alimentación -sobre todo peixes, pero tamén mariscos, mamíferos e macroalgas, por exemplo- que se recollen tanto en estado salvaxe como cultivados en viveiros. En áreas tropicais moi diversas os mares rodean grandes arrecifes de coral. A caza de baleas foi unha actividade moi común, pero a redución das cifras destes animais induciu a aparición de esforzos internacionais de conservación e unha consecuente moratoria á maior parte da caza comercial. A oceanografía estableceu que non toda a forma de vida marítima está restrinxida a augas de superficie iluminada polo Sol; mesmo a grandes profundidades e presión, os nutrientes que flúen de fontes hidrotermais manteñen o seu propio e único ecosistema. A vida pode que comezara alí neses lugares, xa que os microorganismos acuáticos están xeralmente acreditados como o grande evento de osixenación da atmosfera terrestre[7]. Crese que tanto vexetais como animais terían evolucionado a partir dos mares.

O mar é un dos elementos esenciais do comercio, do transporte, da extracción mineral, de xeración de enerxía. Isto tamén fai que sexa esencial para as guerras, ademais, e é un factor determinante na exposición de grandes cidades e poboacións a terremotos e volcáns debido a fallas xeolóxicas próximas que poden producir grandes ondas e tsunamis; así como dos ciclóns e furacáns producidos nas zonas tropicais.

En 1978, a Organización Marítima Mundial proclamou o 17 de marzo como o Día Mundial do Mar, tamén denominado como Día Marítimo Mundial. O obxectivo da celebración é concienciar á sociedade sobre os problemas que afectan ós mares, para así buscar solucións conxunta ós mesmos [8].

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para mar.
  2. "WordNet Search — sea". Princeton University. Consultado o 3 de xaneiro do 2016. 
  3. Dr. Tina Bishop, Peter Tuddenham e Melissa Ryan. National Oceanic and Atmospheric Administration., ed. ""Then and Now: The HMS Challenger Expedition and the 'Mountains in the Sea' Expedition"". . Ocean Explorer (en inglés). Consultado o 5 de xaneiro do 2016. .
  4. International Hydrographic Organization (1953). Imp. Monégasque, ed. ""Limits of Oceans and Seas (Special Publication №28)"" (PDF) (3rd ed. ed.). (Monte Carlo),. Consultado o 5 de xaneirro do 2016. 
  5. Oxford English Dictionary, 1st ed. "sea, n." Oxford University Press (Oxford), 1911.
  6. Reddy, M.P.M. (2001) Descriptive Physical Oceanography. p. 112. A.A. Balkema, Leiden. ISBN 90-5410-706-5.
  7. H.D. Holland ((2006)). "The oxygenation of the atmosphere and oceans". Philosophical Transactions of The Royal Society B (en inglés). pp. 903–915. doi:10.1098/rstb.2006.1838. Consultado o 5 de xaneiro do 2016. 
  8. "Día Internacional del Mar 2022" (en castelán). Consultado o 27.11.2022. 

© MMXXIII Rich X Search. We shall prevail. All rights reserved. Rich X Search