Marilyn Monroe[1][2], de nome real Norma Jeane Mortensen, nada nos Ánxeles o 1 de xuño de 1926 e finada na mesma cidade o 5 de agosto de 1962,[3] foi unha actriz, modelo e cantante estadounidense. Converteuse nun importante sex symbol, protagonizando un bo número de exitosos filmes durante a década de 1950 e principios da de 1960,[4] chegando a ser unha das actrices de Hollywood máis famosas de todos os tempos.[5]
Iniciou a súa carreira como modelo fotográfica e a partir de 1946 comezou a interpretar pequenos papeis en películas de baixo custo. Os primeiros papeis destacados interpretounos nas películas A xungla do asfalto (1950) e Todo sobre Eva (1950). Empezou a ser coñecida mundialmente despois de protagonizar o musical Os cabaleiros prefírenas loiras (1953) e aparecer no número inaugural da revista Playboy.[6]
Interpretou o papel principal nas comedias How to Marry a Millionaire (Como casar cun millonario, 1953), The Seven Year Itch (1955) e Bus Stop (1956), e grazas ao éxito de público destas películas, comezou a ser considerada como unha das actrices máis rendibles da industria cinematográfica. O seu maior éxito comercial foi Some Like it Hot (1959), filme polo que gañou o Globo de Ouro á mellor actriz de comedia.[7]
Foi considerada unha das mulleres máis atractivas da historia da sétima arte, pero a súa explosiva beleza condicionouna artística e emocionalmente, obrigándoa a proxectar unha imaxe sedutora e superficial que encubría a súa personalidade real, sensible e inestable desde a infancia. Estivo casada co escritor James E. Dougherty de 1942 a 1946, co xogador de béisbol Joe DiMaggio, en 1954, e logo co dramaturgo Arthur Miller, entre 1956 e 1962.
Monroe faleceu o 5 de agosto de 1962 por mor dunha sobredose de barbitúricos, en circunstancias nunca esclarecidas. A primeira hipótese que manexou a xustiza estadounidense foi a do suicidio, pero nunca puido ser corroborada.[7]
O American Film Institute considéraa a sexta mellor estrela de cine feminina de todos os tempos.
© MMXXIII Rich X Search. We shall prevail. All rights reserved. Rich X Search