Nacionalismo

Estreleira, utilizada polo nacionalismo galego de esquerdas a partir da segunda metade do século XX.
Mural independentista dos Países Cataláns en Belfast (Irlanda do Norte).

O nacionalismo é unha idea e movemento que sostén que a nación debe ser congruente co estado.[1][2] Como movemento, tende a promover os intereses dunha nación en particular,[3] especialmente co obxectivo de gañar e manter a soberanía (autogoberno) da nación sobre a súa patria e así crear un estado nación. O nacionalismo mantén que cada nación debe gobernarse a si mesma, libre de interferencias externas (autodeterminación), que unha nación é a base natural e ideal para unha entidade política,[4] e que a nación é a única fonte lexítima de poder político.[3][5] Ademais, pretende construír e manter unha única identidade nacional, baseada nunha combinación de características sociais compartidas como cultura, etnia, localización xeográfica, lingua , política (ou goberno), relixión, tradicións e crenza nunha historia singular compartida,[6][7] e promover a unidade nacional ou a solidariedade.[3] O nacionalismo, polo tanto, busca preservar e fomentar a cultura tradicional dunha nación.[8] Existen varias definicións de "nación", o que leva a diferentes tipos de nacionalismo. As dúas principais formas diverxentes son o nacionalismo étnico e o nacionalismo cívico. Historicamente, dende os inicios, o nacionalismo cívico foi o factor determinante no desenvolvemento e difusión do sistema de valores constitucional e democrático moderno nas sociedades, porén, o nacionalismo étnico tende a preferir o goberno autoritario ou mesmo a ditadura.[9]

O nacionalismo desenvolveuse a finais do século XVIII, particularmente coa Revolución Francesa e a difusión do principio da soberanía popular (a idea de que é "o pobo" quen debe gobernar).[10] Utilizáronse tres teorías principais para explicar a súa aparición. O primordialismo desenvolveuse xunto co nacionalismo durante a era romántica e sostiña que sempre houbo nacións. Dende entón, esta opinión foi rexeitada polos estudosos,[11] e as nacións agora son vistas como construídas socialmente e historicamente continxentes.[12] A teoría da modernización, que é a teoría do nacionalismo máis aceptada no presente,[13] adopta un enfoque construtivista e propón que o nacionalismo xurdiu debido a procesos de modernización, como a industrialización, a urbanización e a educación de masas, que fixeron posible a conciencia nacional.[12][14] Os defensores desta teoría describen as nacións como "comunidades imaxinadas" e o nacionalismo como unha "tradición inventada" na que o sentimento compartido achega unha forma de identidade colectiva e une aos individuos en solidariedade política.[12][15][16] Unha terceira teoría, o etnosimbolismo explica o nacionalismo como produto de símbolos, mitos e tradicións, tal e como se asocia co traballo de Anthony D. Smith.[10] Ademais, a expansión dos movementos nacionalistas durante a descolonización levou a moitos teóricos a examinar o papel das elites na mobilización das comunidades para manter o seu poder.[10]

O valor moral do nacionalismo, a relación entre o nacionalismo e o patriotismo e a compatibilidade do nacionalismo e do cosmopolitismo son todos temas de debate filosófico.[12] O nacionalismo pódese combinar con diversos obxectivos políticos e ideoloxías como o conservadorismo (conservadorismo nacional e populismo de dereitas) ou o socialismo (nacionalismo de esquerdas).[4][17][18] Na práctica, o nacionalismo é visto como positivo ou negativo dependendo da súa ideoloxía e resultados. O nacionalismo foi unha característica dos movementos pola liberdade e a xustiza, estivo asociado con renacementos culturais,[8] e fomenta o orgullo polos logros nacionais.[19] Tamén se utilizou para lexitimar divisións raciais, étnicas e relixiosas, suprimir ou atacar minorías e socavar os dereitos humanos e as tradicións democráticas.[12] O nacionalismo radical combinado co odio racial foi un factor clave no Holocausto perpetrado pola Alemaña nazi.[20]

  1. Hechter, Michael (2000). Containing Nationalism (en inglés). Oxford University Press. p. 7. ISBN 978-0198297420. 
  2. Gellner, Ernest (1983). Nations and Nationalism (en inglés). Cornell University Press. p. 1. ISBN 978-0801475009. 
  3. 3,0 3,1 3,2 Smith, Anthony. Nationalism: Theory, Ideology, History. Polity, 2010. pp. 9, 25–30; James, Paul (1996). Nation Formation: Towards a Theory of Abstract Community. Londres: Sage Publications. 
  4. 4,0 4,1 Finlayson, Alan (2014). "5. Nationalism". En Geoghegan, Vincent; Wilford, Rick. Political Ideologies: An Introduction. Routledge. pp. 100–102. ISBN 978-1317804338. 
  5. Yack, Bernard. Nationalism and the Moral Psychology of Community. University of Chicago Press, 2012. p. 142
  6. Triandafyllidou, Anna (1998). "National Identity and the Other". Ethnic and Racial Studies 21 (4): 593–612. doi:10.1080/014198798329784. 
  7. Smith, A.D. (1981). The Ethnic Revival in the Modern World. Cambridge University Press. 
  8. 8,0 8,1 Smith, Anthony. Nationalism: Theory, Ideology, History. Polity, 2010. pp. 6–7, 30–31, 37
  9. DONALD IPPERCIEL (2007): Constitutional democracy and civic nationalism [1]
  10. 10,0 10,1 10,2 Adeney, Katharine (2009). "Nationalism". En Iain, McLean; McMillan, Alistair. The Concise Oxford Dictionary of Politics (3rd ed.). Oxford: Oxford University Press. ISBN 9780191727191. 
  11. Coakley, John (abril de 2018). "'Primordialism' in nationalism studies: theory or ideology?: 'Primordialism' in nationalism studies". Nations and Nationalism 24 (2): 327–347. doi:10.1111/nana.12349. 
  12. 12,0 12,1 12,2 12,3 12,4 Mylonas, Harris; Tudor, Maya (2021). "Nationalism: What We Know and What We Still Need to Know". Annual Review of Political Science 24 (1): 109–132. doi:10.1146/annurev-polisci-041719-101841. 
  13. Woods, Eric Taylor; Schertzer, Robert; Kaufmann, Eric (abril 2011). "Ethno-national conflict and its management". Commonwealth & Comparative Politics 49 (2): 154. doi:10.1080/14662043.2011.564469. 
  14. Smith, Deanna (2007). Nationalism (2nd ed.). Cambridge: polity. ISBN 978-0745651286. 
  15. Anderson, Benedict (1983). Imagined Communities: Reflections on the origins and spread of nationalism. Londres: Verso Books. 
  16. Hobsbawm, E.; Ranger, T. (1983). The Invention of Tradition. Cambridge, Reino Unido: Cambridge Univ. Press. 
  17. Bunce, Valerie (2000). "Comparative Democratization: Big and Bounded Generalizations". Comparative Political Studies (en inglés) 33 (6–7): 703–734. ISSN 0010-4140. doi:10.1177/001041400003300602. 
  18. Kocher, Matthew Adam; Lawrence, Adria K.; Monteiro, Nuno P. (2018). "Nationalism, Collaboration, and Resistance: France under Nazi Occupation". International Security 43 (2): 117–150. ISSN 1531-4804. doi:10.1162/isec_a_00329. 
  19. Nairn, Tom; James, Paul (2005). Global Matrix: Nationalism, Globalism and State-Terrorism. Londres e Nova York: Pluto Press. 
  20. Pierre James (2001). The Murderous Paradise: German Nationalism and the Holocaust. Greenwood. ISBN 978-0275972424. 

© MMXXIII Rich X Search. We shall prevail. All rights reserved. Rich X Search