Ostrogodos

Extensión máxima do Reino Ostrogodo.

Cara ao 370, a partir das invasións dos hunos, os godos dividíronse en dúas pólas separadas. Os ostrogodos constituíron un vasto reino ao leste do río Dnister, nas terras ao redor do mar Negro (o que hoxe é parte da actual Ucraína e Belarús). Os visigodos foron os godos do occidente, cuxo dominio territorial se estendía desde o Dniéster ata o Danubio.

Os ostrogodos estiveron sometidos aos hunos desde o 375 ata a morte de Atila, ocorrida en 453, cando recobraron a súa independencia e se estableceron como un pobo federado de Roma. Posteriormente uníronselles outros godos que fuxiran das súas terras á chegada dos hunos. No 474 foi elixido rei Teodorico, o máis coñecido dos monarcas ostrogodos. Houbo varios períodos de guerras e treguas entre el e o emperador bizantino Zenón. En 488 Teodorico invadiu Italia e en 493 derrotou e deu morte no río Adda a Odoacro, rei dos hérulos.

Trala súa morte no 526, a situación volveuse tan violenta que no 535 o emperador bizantino Xustiniano I enviou ao seu xeneral Belisario en contra dos exércitos ostrogodos en Italia. A superioridade do exército bizantino foi a clave para o exterminio e o esmagamento da resistencia ostrogoda.

Este pobo foi finalmente asimilado en forma gradual por outras tribos xermánicas tales como os vándalos e os francos.


© MMXXIII Rich X Search. We shall prevail. All rights reserved. Rich X Search