Pena de morte

Uso e penalización de penas de morte no mundo en 2022:      Abolida para todos os delitos, incluídos os crimes de guerra.      Vixente só para crimes cometidos en circunstancias excepcionais, como os labores en tempo de guerra (crimes de lesa humanidade).      Admitida como sanción penal, pero non aplicada desde hai tempo.      Admitida como sanción penal; aplicase regularmente.
Pena de morte no mundo: azul: suprimida para tódolos crimes; verde: suprimida para os crimes non cometidos en circunstancias excepcionais (coma os cometidos en tempo de guerra); laranxa: contemplada como sanción penal, pero suprimida na práctica; vermello: contemplada como sanción penal, aínda aplicada
Pena capital nos Estados Unidos: azul: suprimida para tódolos crimes; laranxa: declarada inconstitucional; verde: non suprimida, pero non aplicada desde 1976; vermello: non suprimida, aplicada en varias ocasións desde 1976

A pena de morte, pena capital ou execución consiste en provocar a morte a unha persoa condenada por parte do Estado, como castigo por cometer un delito establecido na lexislación. A expresión provén do latín capita (=cabeza), onde á súa vez chegou supostamente dun termo indoeuropeo kaput, co mesmo significado. Así, etimoloxicamente, a pena capital é o castigo imposto a un crime tan grave que, a xuízo dalgúns, merece a decapitación. Debe distinguirse das execucións extraxudiciais, xa que estas son realizadas sen o debido proceso legal. [1] Existe un debate, legal e filosófico, respecto a pena de morte.

A execución de criminais e disidentes políticos foi empregada por gran parte das sociedades ao longo da historia, tanto para castigar o crime como para suprimir a disidencia política. Actualmente a situación legal da pena de morte varía segundo as rexións do mundo. Así, foi abolida e penalizada en case todos os países europeos (excepto Rusia e Belarús) e a maioría dos de Oceanía (como Australia, Nova Zelandia e Timor Leste). A maioría dos países latinoamericanos tamén a aboliron. Porén, en países como os Estados Unidos e a maioría dos estados do Caribe segue sendo aplicada. En Asia a pena de morte está permitida en países como a China, a India, Indonesia, Corea do Sur, Corea do Norte, Emiratos Árabes Unidos, Paquistán, Irán e o Xapón. En África aínda se usa en varios países, especialmente da zona nororiental do continente. Segue sendo aplicada na maioría dos países árabes e en toda a zona de Oriente Próximo. Os países que lle puxeron fin son 160 dos cales 104 son totalmente abolicionistas, seis impídena para crimes ordinarios, noutros seis rexe unha moratoria e 44 son "abolicionistas de feito" e non aplican a pena capital.[2]

En moitos países onde aínda se aplica úsase como para crimes de asasinato, espionaxe, traizón ou como parte do dereito militar.[3] Nalgúns países aplícase tamén para castigar delitos sexuais, considerados como tales o adulterio ou a sodomía. Tamén se castiga con pena de morte nalgúns países musulmáns a apostasía, a renuncia formal á propia relixión. Na China o tráfico de persoas e os casos graves de corrupción política son castigados coa pena de morte. Nalgúns países utilízase por motivos políticos, coa máxima difusión posible, como «escarmento» de masas. En 2007 o director dunha empresa foi executado en Corea do Norte como castigo por realizar numerosas chamadas telefónicas ao estranxeiro.[4]

O tema da pena de morte é moi controvertido. Os simpatizantes da mesma opinan que a súa realización reduce o delito, prevén a súa repetición e é unha forma de castigo para o asasinato. Os detractores argumentan que non reduce o crime en maior medida que a cadea perpetua; son peores que o delito e é unha discriminación de feito contra as minorías pobres que poidan non ter recursos suficientes no sistema legal.[5]

En 2015, Irán, Paquistán e Arabia Saudita foron responsables de case o 90 % das execucións, segundo Amnistía Internacional (AI).[6] Este dato non inclúe as execucións na China, as cales AI cre son de miles, pero non existen cifras oficiais dispoñibles. En 2020, segundo Amnistía Internacional, a clasificación de execucións continuaba encabezado pola China, como en anos anteriores. A cifra total de condenas á morte durante 2020 foi de polo menos de 1.477, entre as que se puideron confirmar 483 execucións.[7][8]

Asemblea Xeral das Nacións Unidas aprobou o 18 de decembro de 2007 unha resolución chamando a tódolos países a suspender a pena de morte en todo o mundo. 104 Estados votaron a favor, 54 en contra e 29 abstivéronse. No 2008, 137 países xa aboliran este castigo pero 60 aínda o manteñen e o aplican. Durante o 2007 foron condenadas a morte 3.347 persoas e executadas 1.252 (42 delas nos Estados Unidos)[9].

Con todo, en 2015 catro países aboliron a pena capital para todos os crimes (República do Congo, Fidxi, Madagascar e Suriname[10]), e no 2016 Benín e Nauru fixerón o mesmo.[11] E no 2019, 56 países mantenían nas súas lexislación a pena de morte, pero deles un total de 28 países levan polo menos unha década sen levar a cabo execucións.[12]

O 10 de outubro celébrase o Día Mundial contra a Pena de Morte[13] para sensibilizar a poboación.

  1. Hood, Roger (19 de outubro de 2020). "Capital punishment". Encyclopædia Britannica (en inglés). Consultado o 8 de agosto do 2023. 
  2. "Un informe sobre la pena de muerte en el mundo constata que hay más ejecuciones". Te interesa. 3 de agosto de 2016. 
  3. Shot at Dawn Arquivado 04 de outubro de 2006 en Wayback Machine., campaña solicitando o perdón para os soldados británicos e da Commonwealth executados durante a primeira guerra mundial (en inglés)
  4. "Le fusilan ante 150.000 personas por hacer llamadas internacionales". 20 minutos. 27 de novembro de 2007. Consultado o 8 de agosto do 2023. 
  5. "Pena capital muestra historia de disparidad racial". Los Angeles Times. 15 de setembro de 2020. Consultado o 9 de agosto do 2023. 
  6. "Amnistía reporta drástico incremento en ejecuciones en 2015". Informador. 5 de abril de 2016. 
  7. "Informe global de Amnistía Internacional. Condenas a muerte y ejecuciones en 2020" (PDF). Amnistía Internacional. 2020. Consultado o 8 de agosto do 2023. 
  8. "Despite Covid-19, some countries ruthlessly pursued death sentences and executions". Amnistía Internacional (en inglés). Consultado o 8 de agosto do 2023. 
  9. "Día Mundial contra a Pena de Morte", artigo en La Voz de Galicia, 8 de outubro de 2008.
  10. Amnistía Internacional (4 de xuño de 2007). "Países abolicionistas y retencionistas". Arquivado dende o orixinal o 19 de decembro de 2005. 
  11. "La pena de muerte desciende en el mundo, con la excepción de China". Cadena SER. 11 de abril de 2017. Consultado o 8 de agosto do 2023. 
  12. "Los países que más personas ejecutan, los avances hacia la abolición y más: 5 datos sobre la pena de muerte en el mundo". CNN. 17 de xullo de 2020. Consultado o 8 de agosto do 2023. 
  13. "Día Mundial contra la Pena de Muerte". diainternacionalde.com. Consultado o 9 de agosto do 2023. 

© MMXXIII Rich X Search. We shall prevail. All rights reserved. Rich X Search