Romanticismo

O Romanticismo foi un movemento artístico e ideolóxico que se orixinou en Alemaña e no Reino Unido a finais do século XVIII como unha reacción contra o racionalismo da Ilustración e o Neoclasicismo, dándolle preponderancia ó sentimento e a unha serie de valores humanos como a liberdade, o irracionalismo e a particularidade do individuo.

O Romanticismo apareceu como consecuencia das loitas políticas, ideolóxicas e sociais que se estaban a dar no continente europeo, baixo un contexto de revolucións liberais e conquistas territoriais por parte do imperio napoleónico, que unidos a un desexo de liberdade contribuíron á aparición dun sentimento patriótico e nacionalista en Europa. Ademais, en medio das violentas tensións xeradas pola nova clase ascendente da burguesía e a decadente nobreza desenvolveuse o proceso de consolidación das grandes nacionalidades europeas.

Desenvolveuse fundamentalmente na primeira metade do século XIX, estendéndose dende Alemaña a Inglaterra, Francia, Italia, España, Rusia, Polonia, Estados Unidos e as recentemente nacidas repúblicas hispanoamericanas. Posteriormente, fragmentouse ou transformouse en diversas correntes, como o Parnasianismo, o Simbolismo, o Decadentismo ou o Prerrafaelismo, sumidas na denominación xeral de Posromanticismo, unha derivación do cal foi o chamado Modernismo hispanoamericano e español. Posteriormente, unha das correntes vangardistas do século XX, o Surrealismo, levou ó extremo os postulados románticos.

A insistencia do romántico no sentimento e no irracioanalismo pulou a paixón creadora nas artes, onde atopou a súa perfecta forma de expresión e, especialmente, na literatura e na música.

O individualismo da burguesía atopou a súa máxima expresión cultural no romanticismo. O artista romántico exaltou a sensibilidade e a subxectividade, e temas como a imaxinación, a paixón, o sentimento, o mito, a lenda ou as paisaxes exóticas convertéronse en motivos temáticos que reforzaban esa mentalidade individualista e que recoñecían o dereito do artista a seguir os seus propios sentimentos e instintos humanos.


© MMXXIII Rich X Search. We shall prevail. All rights reserved. Rich X Search