Sampler

Un Sampler AKAI MPC2000

Un sampler é un aparello electrónico que se emprega para almacenar sons (samples, mostras), sendo un instrumento musical co cal se poden rexistrar mostras de sons, para posteriormente editalos e reproducilos. Tornouse instrumento indispensable do que é a música electrónica, aínda que sendo tamén ben usado en calquera xénero musical.

Actualmente, as mostras de arquivos almacénanse nunha memoria, e reprodúcense posteriormente, un a un ou de forma conxunta. Tamén se usa na posprodución de son para efectos sonoros, habendo moitos softwares na web para estes fins.

A nivel técnico, realmente, samplear sería o mesmo que gravación de sons de timbres instrumentais ou simplemente dixitalizar os mesmos nunha memoria, coa intención de clasificar tales sons, e reproducilos logo de volta. Un exemplo, sería o de gravar nota por nota os timbres dun piano nun ordenador, que logo de transformar o son en código binario (dixitalización), pódese reproducir o piano simplemente ao se conectar un controlador ou teclado nese computador, con cada mostra dirixida a cada tecla. Iso é o que fai un teclado cun sampler interno, dixitaliza cada nota gravada nunha tecla específica formando notas musicais, podéndose facer o mesmo con calquera instrumento (e até con voces humanas ou outros sons), dando condicións de simular e tocar calquera instrumento que caiba imaxinar.

Existen algunhas marcas concentradas exclusivamente nos instrumentos de sampleamento, como é o caso da Korg e Akai. Moitos destes equipamentos permiten tamén facer as edicións do son no propio equipamento, como é o caso do ElecTribe Sampler mkII, da Korg. Alén da inserción, o son pode ser editado utilizando algúns efectos tales como a variación de pitch, reverberación, delay, distorsión, entre outros.

Algúns samplers están asociados a un controlador como pode ser un teclado, un pad controller ou calquera outro dispositivo que o controla remotamente, podendo haber controladores externos ao instrumento. É posible ligar os sons a unha parte específica do controlador (unha das teclas ou un dos pads, por exemplo), e reproducilos en tempo real.

Tamén asociados a algúns samplers pode estar un secuenciador, a través do cal se pode crear unha secuencia, con diversos sons, e reproducilos. Mais o máis común a día de hoxe é o uso de teclados con samplers internos, como fan as marcas máis comúns do mercado (Korg, Roland, Yamaha etc), onde se encontran principalmente en sintetizadores, que son en principio teclados editores de timbres e instrumentos de directo. Moitos destes teclados posúen tecnoloxía de sampleamento a niveis avanzados e profesionais de samplers de mesa, tamén equipados con softwares para conexión a ordenadores, onde acaban fornecendo unha verdadeira mesa de estudio de edición para sampleamento.

Un sampler rexistra sons dunha maneira semellante a como o fai un magnetófono, se ben os seus principios básicos son diferentes. Os seus circuítos fan unha serie de rexistros da amplitude do sinal sonoro, o número dos cales depende da frecuencia de mostraxe. O conxunto destes rexistros almacénanse de maneira sucesiva e así obtense unha copia dixitalizada do son inicial. Despois de ter rexistrada unha mostra sonora, pódense facer diferentes tratamentos mediante o sampler: pódese recortar (para eliminar espazos en branco) ou ampliar, amplificar, inverter, delimitar unha sección para reproducila indefinidamente, aplicarlle efectos etc. A medida que os avances tecnolóxicos o permitiron, os samplers foron incorporando diferentes funcións dos sintetizadores, como eran os xeradores de contornos ou os filtros.

A orixe do sampler remóntase aos anos cincuenta, a partir dos denominados dispositivos fonóxenos, pezas case exclusivamente de laboratorio consistentes nunha cinta magnética circular montada sobre un tambor de cabezais e cunha velocidade de reprodución que era controlada por un circuíto conectado a un teclado semellante ao dun pequeno órgano, permitindo xerar todos os tons sobre calquera son previamente gravado. Algúns dos músicos que empezaron a usar as posibilidades destes instrumentos foron: Karlheinz Stockhausen, Pierre Boulez, Pierre Schaeffer, Morton Subotnick ou Iannis Xenakis.

Nos anos sesenta aparece o melotrón (mellotron), considerado o verdadeiro percusor analóxico dos modernos samplers. De forma similar aos vellos fonóxenos, o melotrón controlaba un sistema de cinta a través do seu teclado. Unha das diferenzas é que o sistema de cinta non era cerrado e ademais posuía varias pistas. A cinta, de poucos segundos de duración, era rebobinada automaticamente ao chegar ao final. Unha das principais desvantaxes (compartida cos fonóxenos) é que o tempo de ataque era lento, é dicir, o motor que controlaba a cinta requiría certo tempo para pasar de tons moi graves a moi agudos ou viceversa, en función do intervalo que se executara. Outro dos motivos polo que é notable o melotrón é que foi o primeiro instrumento desta clase en usarse na música popular, por grupos como The Beatles ou The Rolling Stones.

A finais dos anos setenta, e grazas ao avance da electrónica dixital, aparece en Australia grazas a Kim Ryrie e Peter Vogel o Fairlight CMI, o primeiro sampler dixital. Mais a difusión do uso do sampler fíxose realmente patente cando a compañía E-Mu saca ao mercado a súa famosa serie Emulator a principios dos anos oitenta, sendo Depeche Mode e Kraftwerk algúns dos seus grandes abandeirados.

A crecente demanda de aparatos que permitiran tomar mostras sonoras fixo posible que marcas como Akai (módulos S900 e S950) e especialmente Ensoniq, co Mirage de 1984 (o primeiro sampler cun prezo inferior aos 2.000 dólares), fixeran posible levar o sampling a un nivel máis accesible.

Un tsunami no mercado dos samplers resultaron ser os modelos de E-Mu SP-12, e especialmente o seu modelo Emu SP-1200. Este último é un sampler creado esencialmente como caixa de ritmos para sons capturados. Tiña unhas características especiais que fixeron del o instrumento favorito dos produtores de hip hop de comezos dos anos noventa. Akai , vendo o magno éxito no mercado do SP-1200, foi máis aló coa súa serie MPC, unha especie de híbrido entre un SP-1200 con moita máis memoria e un secuenciador MIDI.


© MMXXIII Rich X Search. We shall prevail. All rights reserved. Rich X Search