Sangue

Sangue
Sangue vista con aumento de 1024X a 640X.
Micrografía electrónica de varrido dun eritrocito, unha plaqueta e un leucocito.
Latín Haema
Sangue humano fraccionado por centrifugación. Plasma (parte superior, capa amarela), tampón (no medio, capa branca delgada) e capa de eritrocitos (no fondo, capa vermella).
Circulación do sangue:
Vermello = oxixenado
Azul = desoxixenado.

O sangue é un fluído corporal dos animais que ten como función principal transportar nutrientes e osíxeno ás células e os residuos metabólicos producidos polas células. En anatomía e histoloxía o sangue considérase un tipo especializado de tecido conectivo con matriz líquida (o plasma), dada a súa orixe nos ósos e a presenza de fibras proteicas en potencia en forma de fibrinóxeno. Os termos médicos relacionados co sangue xeralmente empezan por hemo ou hemato, do grego αἷμα (haima) 'sangue'.

Nos vertebrados, o sangue está composto por células sanguíneas suspendidas no plasma sanguíneo. O plasma, que constitúe o 55% do fluído sanguíneo, é principalmente auga (92% do seu volume),[1] e contén proteínas dispersas, glicosa, ións minerais, hormonas, dióxido de carbono (e outros produtos residuais), e nel flotan as propias células sanguíneas. A albumina é a principal proteína do plasma, que funciona regulando a presión osmótica coloidal do sangue; o plasma tamén contén os anticorpos. As células sanguíneas constitúen o 45% volume do sangue son de tres tipos: na súa maioría son glóbulos vermellos (tamén chamados eritrocitos ou hemacias), que transportan o oxíxeno, as outras son glóbulos brancos (leucocitos), que interveñen na defensa inmunitaria, e as plaquetas (ou trombocitos), que interveñen na coagulación do sangue. Os glóbulos vermellos conteñen a proteína hemoglobina, que contén ferro, e á que se une (reversiblemente) o oxíxeno que o sangue transporta, o que incrementa a capacidade de disolver oxíxeno do sangue. Ao contrario, o dióxido de carbono transpórtase extracelularmente na súa gran maioría disolvido libre no plasma en forma do ión bicarbonato.

Cando o sangue chega aos pulmóns prodúcese un intercambio de gases entre o sangue e o aire alveolar no que, por difusión, se expulsa dióxido de carbono e se capta oxíxeno. Deste modo, o sangue queda oxixenado e diríxese desde os pulmóns ao lado esquerdo do corazón. Despois sae do corazón pola aorta e o sangue oxixenado distribúese por medio de arterias e capilares por todo o corpo, onde as células consumirán o oxíxeno e cederán dióxido de carbono, de maneira que regresa ao corazón desoxixenado por veas e cargado de dióxido de carbono, desde onde é enviado aos pulmóns.

O sangue dos vertebrados é vermello brillante cando a súa hemoglobina está oxixenada e vermello escuro cando está desoxixenada. Algúns animais invertebrados teñen outras proteínas respiratorias distintas da hemoglobina, que transportan o oxíxeno e lle dan ao seu sangue outra cor. Os insectos e algúns moluscos teñen un fluído chamado hemolinfa en lugar de sangue; a hemolifa non está contida dentro dun sistema circulatorio pechado. Na maioría dos insectos este "sangue" non transporta oxíxeno.

Os vertebrados con mandíbula teñen un sistema inmunitario adaptativo, baseado principalmente nas células brancas do sangue. Os glóbulos brancos interveñen na loita inmunitaria contra as infeccións e parasitos. As plaquetas son importantes para a coagulación do sangue. Os artrópodos na súa hemolinfa teñen hemocitos como parte do seu sistema inmunitario.

  1. The Franklin Institute Inc. "Blood – The Human Heart". Arquivado dende o orixinal o 05 de marzo de 2009. Consultado o 19 March 2009. 

© MMXXIII Rich X Search. We shall prevail. All rights reserved. Rich X Search