Ser humano

Humano
Rango fósil: 0,315 Ma-0 Ma
Plistoceno – presente

Home e muller da etnia Akha do norte de Tailandia.
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Subreino: Eumetazoa
Filo: Chordata
Clase: Mammalia
Orde: Primates
Familia: Hominidae
Subfamilia: Homininae
Tribo: Hominini
Xénero: Homo
Especie: H. sapiens
Nome binomial
Homo sapiens
Distribución do Homo sapiens (verde)
Distribución do Homo sapiens (verde)

Distribución do Homo sapiens (verde)
Subespecies

Homo sapiens idaltu White et al., 2003
Homo sapiens sapiens

Sinonimia

Os seres humanos, tamén chamados xenericamente humanos[2] ou homes[3] (Homo sapiens), son unha especie da orde dos primates e da familia dos homínidos.[4][5] H. sapiens é o único representante vivente do xénero Homo e, ademais, só ten unha subespecie vivente, o H. s. sapiens. Diversas probas baseadas na comparación do ADN fan pensar que os humanos modernos se orixinaron en África hai arredor de 200 000 anos.[6][7]

Os algoritmos xenéticos determinan unha diferenza dun 0,2% do material xenético entre os diferentes individuos desta especie, que ten como algunhas ds características máis destacadas a súa intelixencia, o desenvolvemento da linguaxe e a cultura. Os humanos teñen un cerebro altamente desenvolvido, quen de realizar un tipo de razoamento abstracto, de consciencia e de emocións complexas. Esta capacidade mental, combinada cunha posición erecta do corpo que libera os brazos e as mans, dálle unha gran capacidade de manipular obxectos e utilizar ferramentas con máis efectividade que calquera outra especie da terra.

Como a maioría de primates, os humanos son sociais por natureza, pero tamén son quen de empregar sistemas de comunicación moi elaborados para facer posible a expresión e intercambio de ideas, así como a organización social. Crean estruturas complexas de convivencia, dende familias até nacións e estableceron unha enorme variedade de tradicións, rituais, éticas, valores, normas e leis que forman a base da sociedade humana. Tamén teñen unha predisposición destacada para a estética e a beleza, que provocou fenómenos como son a cultura, a arte, a literatura e a música.

Os seres humanos destacan polo seu desexo de entender o mundo que os rodea, sobre o cal inflúen e que queren comprender. Tamén intentan coñecer e controlar os fenómenos naturais, que tratan a través da ciencia, a filosofía, a mitoloxía e a relixión. Esta curiosidade natural permitiulle desenvolver ferramentas, e nun senso máis xeral, a tecnoloxía. Os humanos son a única especie coñecida capaz de acender lume, cocer os alimentos e vestirse; ademais, transmiten as súas habilidades e coñecementos ás seguintes xeracións a través da educación.

De xeito habitual emprégase o termo «home» para designar todos os humanos xenericamente, malia que no seu sentido máis específico, esta palabra se aplica ós individuos de sexo masculino. Así, o termo «homes» pódese aplicar tanto a tódolos individuos da especie como ós de sexo masculino, mentres que os de sexo feminino teñen a denominación exclusiva de «muller».[8]

  1. Global Mammal Assessment Team (2008). "Homo sapiens". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 6 de abril de 2014. 
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para humano.
  3. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para home.
  4. Goodman, M.; Tagle, D.; Fitch, D.; Bailey, W.; Czelusniak, J.; Koop, B.; Benson P.; Slightom, J. (1990). "Primate evolution at the DNA level and a classification of hominoids". J Mol Evol 30: 260 – 6. PMID 2109087. doi:10.1007/BF02099995. 
  5. University of Michigan Museum of Zoology (ed.). "The Animal Diversity Web" (en inglés). Consultado o 25 de setembro de 2006. 
  6. Human Ancestors Hall: Homo Sapiens Arquivado 15 de outubro de 2007 en Wayback Machine. (consultado o 13 de outubro de 2006)
  7. Alemseged, Z.; Coppens, Y.; Geraads, D. (2002). "Hominid cranium from Omo: Description and taxonomy of Omo-323-1976-896". Am J Phys Anthropol 117: 103–12. PMID 11815945. doi:10.1002/ajpa.10032. 
  8. En latín distínguese homo ('humano') e vir ('varón' ou 'home').

© MMXXIII Rich X Search. We shall prevail. All rights reserved. Rich X Search