Tecnocracia

O termo tecnocracia derívase dos vocábulos gregos tecno ("técnica") e kratˆa ("forza", "dominio" ou "poder"). Tecnocracia significa literalmente "goberno dos técnicos"; o "técnico que goberna" é, polo tanto, un tecnócrata. Consideramos entón que, de forma xeral, a tecnocracia é o goberno levado por un técnico ou especialista nalgunha materia de economía, administración etcétera, que exerce o seu cargo público con tendencia a topar solucións técnicas eficaces por riba doutras consideracións ideolóxicas, políticas ou sociais. A primeira tecnocracia que se concibiu foi a do goberno de sabios na República de Platón.

O termo tecnocracia imponse a partir dos primeiros anos 30 para indicar a progresiva expansión —alentada por parte dalgúns, temida por outros— do poder dos técnicos de produción (químicos, físicos e enxeñeiros) baseado no suposto de que quen está capacitado para gobernar o proceso industrial empresarial está capacitado para gobernar non soamente sectores produtivos ao completo, senón tamén a sociedade industrial na súa totalidade. Os técnicos industriais son axiña substituídos por xestores que deben a súa posición ao debilitamento da función de propiedade (xa na faceta de titularidade, pola existencia de sociedades, xa na faceta decisional), característica dos grandes grupos industriais. Coa crecente intervención do estado na vida económica dos pobos, coa planificación económica e coa integración de industria e sistema de defensa durante os períodos bélicos, coa carreira armamentística durante a chamada guerra fría, o tecnócrata medio ábrese aos máis altos niveis da burocracia estatal e dos aparatos industrio-militares, ademais de, evidentemente, a expoñentes de renome das facultades universitarias científicas, tecnolóxicas e económicas, cun continuo transvasamento dunha realidade a outra. Un exemplo é Robert S. McNamara, primeiro presidente da Ford Motor Company que non pertencía á saga familiar, logo ministro de defensa dos EUA na época da guerra do Vietnam e finalmente presidente do Banco Mundial. A importancia económica e social dos fluxos financeiros e informativos dos anos oitenta determina unha impoñente achega ao mundo das finanzas, da informática e da comunicación na formación da mentalidade e do persoal tecnócratico. Aliás, a cualificación de tecnócrata outorgase ao técnico como especialista, máis como presunción de posuír as cualidades e elementos para aplicar a técnica a todo contorno humano.

Entre as denominadas familias políticas do Franquismo, foron denominados tecnócratas os que dirixiron a área económica dos gobernos dende o Plano de Estabilización de 1959, polo xeral todos na órbita do Opus Dei.


© MMXXIII Rich X Search. We shall prevail. All rights reserved. Rich X Search