Videoxogo

Persoas xogando unha versión a grande escala do icónico videoxogo Pong no National Videogame Museum.
Videoconsola Super Nintendo (SNES).

Un videoxogo[1] é un xogo electrónico no que unha ou máis persoas interactúan, por medio dun controlador, cun dispositivo que mostra imaxes de vídeo.[2] Este dispositivo electrónico, coñecido xenericamente como «plataforma», pode ser unha computadora, unha máquina arcade, unha videoconsola ou un dispositivo portátil, por exemplo un teléfono móbil. Os videoxogos poden ser de moitos tipos e son, ano tras ano, unha das principais industrias da arte e o entretemento.

O dispositivo de entrada, usado para manipular un videoxogo, coñécese como controlador de videoxogo, ou mando, e varía dependendo da plataforma. Por exemplo, un controlador podería unicamente consistir dun botón e unha panca de mando ou joystick, mentres outro podería presentar unha ducia de botóns e unha ou máis pancas (mando). Os primeiros xogos informáticos adoitaban facer uso dun teclado para levar a cabo a interacción, ou ben requirían que o usuario adquirise un joystick cun botón como mínimo.[3] Moitos xogos de computadora modernos permiten ou esixen que o usuario utilice un teclado e un rato de forma simultánea. Entre os controladores máis típicos están os gamepads, joysticks, teclados, ratos e pantallas táctiles.

Xeralmente, os videoxogos fan uso doutras maneiras, á parte da imaxe, de prover a interactividade e información ao xogador. O son é case universal, usándose dispositivos de reprodución de son, tales como altofalantes e auriculares. Outro tipo de realimentación faise a través de periféricos hápticos que producen vibración ou retroalimentación de forza, usándose ás veces a vibración para simular a retroalimentación de forza.

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para videoxogo.
  2. "Television gaming apparatus and method". United States Patents. Consultado o 6 de agosto do 2019. 
  3. *Patrick Stack. «History of video game consoles» Arquivado 23 de xaneiro de 2011 en Wayback Machine. Time Magazine website 2005 /

© MMXXIII Rich X Search. We shall prevail. All rights reserved. Rich X Search