Virus

Un virus (do latín virus 'toxina' ou 'veleno') é un axente infeccioso microscópico non celular que só pode replicarse penetrando no interior dunha célula. Os virus afectan todo tipo de organismos, desde animais e plantas a bacterias e arqueas[1]. Unha partícula de virus completa e infectiva fóra (xeralmente) da célula denomínase virión[2]. O descubrimento dos virus empezou cando Dmitri Ivanovsky en 1892 atopou un axente infeccioso das plantas do tabaco tan pequeno que atravesaba os poros dos filtros que retiñan bacterias, o que levou ao descubrimento do virus do mosaico do tabaco por Martinus Beijerinck en 1898.[3] Desde entón, describíronse en detalle arredor duns 5.000 virus[4], aínda que se estima que existen millóns de tipos diferentes de virus[5]. Os virus atópanse en case calquera ecosistema da Terra e estas diminutas estruturas son o tipo de entidade biolóxica numericamente máis abundante[6][7]. O estudo dos virus coñécese como viroloxía, unha subespecialidade da microbioloxía.

Os virus non teñen estrutura celular, senón que simplemente están formados por unha cápside (ou cápsida) de proteínas que envolve o seu ácido nucleico, que pode ser ADN ou ARN. Esta estrutura pode, á súa vez, estar rodeada pola envoltura vírica, unha capa lipídica con diferentes proteínas dependendo do virus. O ciclo vital dun virus sempre necesita da maquinaria metabólica dunha célula para poder replicar o seu material xenético e cápside, producindo moitas copias do virus orixinal. No devandito proceso reside a capacidade destrutora dos virus, xa que poden prexudicar a célula ata destruíla. Poden infectar tanto células eucarióticas como procarióticas (neste último caso denomínanse bacteriófagos, ou simplemente fagos).

As partículas víricas, chamadas virións poden ser de forma helicoidal ou icosaédrica ou ter formas máis complexas. O tamaño medio dun virus é cen veces menor có das bacterias, polo que miden poucas decenas de nanómetros e só se poden ver con microscopio electrónico, aínda que hai uns poucos exemplos de virus que comparativamente son excepcionalmente grandes.

A orixe dos virus na historia evolutiva da vida non está clara: algúns puideron ter evolucionado a partir de plásmidos, que son pedazos de ADN que poden pasar dunha célula a outra, mentres que outros puideron evolucionar regresivamente a partir de bacterias. Na evolución os virus son un medio importante para que teña lugar a transferencia horizontal de xenes entre especies, que incrementa a diversidade xenética.[8] Algúns consideran que os virus son formas de vida, porque levan material xenético, reprodúcense e evolucionan por selección natural. Con todo, carecen de características fundamentais como a estrutura celular, que son xeralmente consideradas necesarias para falar de vida. Como posúen algunhas pero non todas as calidades da vida, os virus foron descritos como "organismos no límite da vida".[9]

Os virus transmítense de diversos xeitos. Os virus de plantas xeralmente transmítense de planta a planta por medio de insectos que se alimentan dos zumes das plantas, como os áfidos; os virus de animais poden ser transportados por insectos hematófagos. Estes organismos que transmiten enfermidades inoculando o axente infeccioso denomínanse vectores. Outros virus como o da gripe espállanse polos espirros e toses. Os norovirus e rotavirus, que son unha causa común de gastroenterite viral, transmítense pola ruta fecal-oral e pasan por contacto de persoa a persoa, entrando no corpo coa comida e auga. Virus como o VIH son exemplo de virus transmitidos por vía sexual e sanguínea. A gama de células hóspede que un virus pode infectar é o seu "rango de hóspedes". Este rango pode ser estreito ou máis amplo, se o virus pode infectar moitas especies.[10]

As infeccións virais en animais causan unha resposta inmunitaria que xeralmente elimina o virus infeccioso. As respostas inmunes poden tamén producirse pola administración de vacinas, as cales confiren unha inmunidade adquirida artificialmente contra unha determinada especie ou cepa de virus. Porén, algúns virus, entre os que están os que causan a SIDA e a hepatite viral, evaden estas respostas inmunes e dan lugar a infeccións crónicas. Os antibióticos non teñen efecto sobre os virus, pero existen diversos medicamentos antivirais.

  1. Koonin EV, Senkevich TG, Dolja VV (2006). "The ancient Virus World and evolution of cells". Biol. Direct 1: 29. PMC 1594570. doi:10.1186/1745-6150-1-29. 16984643. Arquivado dende o orixinal o 04 de decembro de 2012. Consultado o 1 de outubro de 2013. 
  2. Erro no código da cita: Etiqueta <ref> non válida; non se forneceu texto para as referencias de nome isbn0-12-375146-2
  3. (Dimmock, Easton & Leppard 2007, p. 4)
  4. (Dimmock, Easton & Leppard 2007, p. 49)
  5. Breitbart M, Rohwer F (2005). "Here a virus, there a virus, everywhere the same virus?". Trends Microbiol 13 (6): 278–84. doi:10.1016/j.tim.2005.04.003. 15936660. Arquivado dende o orixinal o 04 de outubro de 2013. Consultado o 1 de outubro de 2013. 
  6. Erro no código da cita: Etiqueta <ref> non válida; non se forneceu texto para as referencias de nome Lawrence
  7. Edwards RA, Rohwer F (2005). "Viral metagenomics". Nat. Rev. Microbiol. 3 (6): 504–10. doi:10.1038/nrmicro1163. 15886693. Consultado o 1 de outubro de 2013. 
  8. Canchaya C, Fournous G, Chibani-Chennoufi S, Dillmann ML, Brüssow H. Phage as agents of lateral gene transfer. Curr. Opin. Microbiol.. 2003;6(4):417–24. doi:10.1016/S1369-5274(03)00086-9. PMID 12941415.
  9. Rybicki, EP (1990). "The classification of organisms at the edge of life, or problems with virus systematics". S Afr J Sci 86: 182–186. 
  10. (Shors 2008, pp. 49–50)

© MMXXIII Rich X Search. We shall prevail. All rights reserved. Rich X Search