Xainismo

Bandeira xainista.
Símbolo do Xainismo.

O xainismo[1] é unha das relixións máis antigas da India, xuntamente co hinduísmo e o budismo, compartindo con este último a ausencia da necesidade de Deus como creador ou figura central. Considérase que a súa orixe antecede o Brahmanismo, aínda que sexa máis probábel que xurdira na súa forma actual o século V a.C., en resultado da acción relixiosa do Mahavira.

Esta doutrina pregoa unha vía salvadora filosófica non centrada no culto de ningún deus. A súa práctica é a de realizar esforzos para encamiñar a alma-conciencia cara a un estado divino e de liberación (mokṣa). Aquel ser que vence aos seus inimigos interiores e alcanza o estado superior pasa a ser denominado 'vencedor' ou 'conquistador' (yina). O estado máis elevado coñécese como siddha.

O xainismo é coñecido nos textos antigos tamén como śramaṇa dharma (deber do que confía en si mesmo) ou o camiño dos nirgranthas (aqueles sen apegos nin aversións).

Trátase dunha relixión nastika (non teísta), que non recoñece a autoridade dos textos sacros hinduístas nin dos sacerdotes brahmáns.

Na actualidade, o xainismo está presente en Bengala (leste da India), Rayastán, Majarastra e Guyarat (centro occidental da India) e Karnataka (sur da India), ademais dalgunhas comunidades no estranxeiro.

A doutrina xainista ensina que o xainismo existiu sempre e sempre existirá,[2][3][4] a pesar diso os historiadores datan a fundación e organización da forma actual do xainismo nalgún momento entre os séculos IX e VI a. C., polo reformador relixioso indio Parsuá.[5][6]

Hai unha hipótese que di que -como moitas tradicións hinduístas-, o xainismo podería ter a súa orixe na cultura do val do río Indo, sendo unha mostra da espiritualidade nativa desa zona anterior á chegada á India da migración indoaria.[7][8][9] Outros estudosos suxiren que as tradicións shramana eran contemporáneas e distintas ás prácticas relixiosas da relixión védica.[10]

Actualmente, o xainismo é unha relixión minoritaria pero influente cuns 4,2 millóns de seguidores na India,[11] ademais dunha exitosa e crecente comunidade emigrada a América do Norte, Europa Occidental, o Oriente de Asia, Australia e outros lugares.[12]

Os xainistas influíron e contribuíron de maneira significativa nas esferas éticas, políticas e económicas da India. Ademais os xainistas teñen unha longa tradición ilustrada e son a comunidade relixiosa con maior grao de alfabetización da India[13][14] e as súas bibliotecas son as máis antigas do país.[15]

  1. Xainismo no DIGALEGO
  2. Os xainas consideran que a relixión é eterna e imperecedeira. Non tivo un comezo e nunca deixará de existir. A escuridade que comprende ao erro e envolve á verdade con certa periodicidade, despéxase unha e outra vez de forma tal que a claridade da fe xainista poida brillar novamente con toda a súa potencia.
  3. Os xainistas cren que o xainismo non ten nin comezo nin final.
    Dundas (2002, p. 12)
  4. Jinendra Varni (ed.) prof. Sagarmal Jain, T. K. Tukol, e Dr. Narendra Bhandari: Samaṇ-suttaṁ. Nova Deli: Bhagwan Mahavir Memorial Samiti.
    Os historiadores puideron determinar de forma certa que Tirthankara Mahavira non foi o fundador da relixión. Antes del precedérono numerosos tirthankaras. El limitouse a reiterar e rexuvenecer a relixión. Os estudos de historia non lograron establecer o principio da relixión xainista; pero a evidencia histórica dispoñible na actualidade e o resultado de investigacións sistemáticas da literatura determinaron que o xainismo é indubidablemente unha relixión antiga.
    páxs. xii-xiii da introdución, escrita por Justice T. K. Tutkol, e o Dr. K. K. Dixit.
  5. Non só que non hai nada desde un punto de vista filosófico ou histórico, que avale a suposición de que o xainismo foi creado por Parsva cara ao 800 AdC, pero está razoablemente confirmado por todo o que se sabe da vida espiritual dese período.
  6. Jainism, then, was in origin merely one component of a north indian ascetic culture that flourished in the Ganges basin from around the eighth or seventh centuries BCE.
    Dundas (2002, p. 17)
  7. Existen algunhas evidencias de que as tradicións xainistas poden ser aínda máis antigas que as tradicións budistas, posiblemente remontándose á época da civilización do val do Indo, e que Vardhamana máis que ser un "fundador" per se foi, máis ben, simplemente un voceiro principal dunha tradición máis antiga.
    Larson (1995, p. 27)
  8. Orixinaria do sub-continente indio, o xainismo é unha das máis antigas relixións da súa terra natal e de feito do mundo, con orixes prehistóricas antes de 3000  aC e a propagación da cultura india.
  9. Guseva, Mrs. N. R.: Jainism (páx. 44).
  10. Long 2009, pp. 45-56.
  11. "Indian Census". Censusindia.gov.in. Consultado o 1 de setembro de 2010. 
  12. As estimacións para a poboación de xainistas difiren de algo máis de catro millóns a doce millóns debido ás dificultades de identificación xain, con algúns xainistas contados como seita hindú. Moitos xainistas non indican o xainismo como a súa relixión nas formas censuais por diversas razóns, como certas castas de xainistas considéranse tanto hindús como xainistas. O censo da India de 1981 indicou que había 3.19 millóns de xainistas. No seu momento estimábase como mínimo a metade do número indicado no censo. Estímase que hai 25.000-30.000 en Europa (principalmente en Gran Bretaña), 20.000 en África, 45.000 máis en América do Norte e 5.000 no resto de Asia.Dundas (2002, p. 271)
  13. "Press Information Bureau, Government of India". Pib.nic.in. 6 de setembro de 2004. Consultado o 1 de setembro de 2010. 
  14. "Census of India 2001". Censusindia.net. Consultado o 1 de setembro de 2010. 
  15. John E. Cort: «The jain knowledge warehouses: traditional libraries in India», na revista Journal of the American Oriental Society, vol. 115, n.º 1, páxs. 77-87, xaneiro-marzo de 1995.

© MMXXIII Rich X Search. We shall prevail. All rights reserved. Rich X Search