Xogo de rol

Dados de Rol

Un xogo de rol é un xogo en que cada xogador participante interpreta un determinado rol ou papel dentro dunha aventura arbitrada polo chamado director de xogo.

Nos xogos de rol, os xogadores, axudados polo Dx (Director de Xogo, Master, Narrador etc.), encarnan os papeis de personaxes que habitan outros mundos ou situacións diferentes ás reais, "vivindo" aventuras neses mundos que, normalmente, están inzadas de dificultades, inimigos, xentes e razas fantásticas, conflitos e maxia.

Os xogos de rol desenvólvense ao redor dunha mesa, na cal se sentan os xogadores que encarnan aos "Px´s" (Personaxes xogadores) e o Director de Xogo. Este, como narrador, conta a historia (preparada con anterioridade), e preséntalles aos xogadores as diferentes situacións en que deberán posicionarse dalgún xeito, sempre actuando dun xeito similar ao que cren que faría a súa personaxe nesas circunstancias. En moitos casos, os xogadores falarán de xeito moi diferente ó que falan na súa vida real, ou mesmo actuando contrariamente ao que crerían correcto se fosen eles mesmos.

Para xogar non se precisa máis có libro de regras correspondente ao xogo en cuestión, algúns dados de diferentes formas poliédricas (de 4,6,8,10,12 ou 20 caras), uns lapis e uns papeis, nos caes se apuntan as características ou trazos da personaxe que leva cada xogador.

Durante unha partida de rol aparecerán situacións que se poderán resolver dun xeito automático sen a necesidade de tirar dados ou acudir a algunha regra. Para cando esas ocasións non están tan claras, existe o que se chama o sistema de xogo, é dicir, un conxunto de regras máis ou menos sinxelas que delimitan a posibilidade de facer unhas cousas ou outras dependendo do momento.


© MMXXIII Rich X Search. We shall prevail. All rights reserved. Rich X Search